DESESTIMADAS AS ALEGACIÓNS DE PP E PSOE
Ditaminado o proxecto de orzamentos para o 2024, que irá a pleno o 29 de decembro
A Comisión extraordinaria de Contas rexeitou as alegacións ao proxecto de Orzamento 2024 presentadas polo PP e o PSOE. O presidente da Comisión, Raimundo González explicou que co ditame da Comisión “queda todo o camiño expedito para o pleno do día 29 de decembro”.
A primeira alegación debatida foi a do Partido Popular que tivo os votos en contra dos grupos do BNG e do PSOE. Segundo Raimundo González a votación do Partido “socialista” obedeceu a unha “cuestión de oportunidade” porque de aprobar a emenda á totalidade do PP xa non se debatería a do PSOE.
Trátase dunha alegación “disparatada” indicou Raimundo González, na que non se fala do orzamento.
Ao respecto da emenda do PSOE contou cos votos en contra do BNG, a abstención do PP e os votos a favor do PSOE. Raimundo González informou que “esta si fala do orzamento pero ten uns obxectivos claros: cargarse a Feira Franca, cargarse as Festas, cargarse o mantemento dos espazos públicos que é un eixo fundamental do orzamento”.
Tamén informou que as alegacións do PSOE “ten outros problemas de carácter legal” porque contempla suprimir partidas que teñen compromisos adquiridos coa administración. A modo de exemplo indicou que o contrato de sinalización se rebaixa de 200.000 euros a 100.000 euros cando existe unha previsión legal para abonalo.
Raimundo González apelou ao “sentidiño” antes do día 29 de decembro porque “é necesario que Pontevedra teña uns orzamentos”.