Mosquera tira de ironía e fala de “crueldade” con Domínguez que a Deputación non aprobe unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT) provincial
Pontevedra, 22 de decembro de 2023. O portavoz provincial do BNG César Mosquera tirou hoxe de ironía no pleno para resolver alegacións e aprobar os orzamentos da Deputación para 2024 e asegurou que é unha “crueldade” co vicepresidente Domínguez “en tempos de Papá Noel e da lotería” que o Goberno provincial non aprobase unha nova relación de postos de traballo (RPT) para a institución provincial, tal como o ‘popular’ reclamou para o Concello de Pontevedra.
Mosquera salientou que nas alegacións ao orzamento provincial de 2024 hai unha solicitude dun sindicato que reclama a nova RPT, en sintonía coa postura do PP local no goberno capitalino e en oposición á proposta do deputado de persoal Vázquez Almuíña, quen defendeu como máis áxil a modificación fronte á creación dunha relación nova. “Para o vicepresidente segundo é a súa gran ilusión e non lla satisfacen”, subliñou, deixando en evidencia o dobre discurso do Partido Popular estando no goberno e na oposición.
O portavoz nacionalista critica que os grupos usen o pleno para discusións alleas á orde do día e non dixeran “nin pío” sobre a resolución de alegacións ao orzamento de 2024
O portavoz nacionalista destacou que o BNG non se vai “meter” nas cuestións de persoal negociadas entre o Goberno provincial e os sindicatos e, salientando que foi o único que falou das alegacións ao orzamento, criticou o uso do pleno que fixeron os demais grupos por non aterse á orde do día, xa que utilizaron as súas intervencións para discutir de temas alleos ao marcado.
“Non ten sentido este pleno. Non sei a que viñemos, porque é para a resolución das alegacións e non dixeron nin pío. Traen o discurso do pleno anterior e está fóra de lugar”, destacou, agradecendo, iso si, que polo menos o debate fose sobre os plans provinciais e as incoherencias de cada grupo e non se entrase a falar de política xeral do Estado e da Xunta en época preelectoral. “Algo avanzamos”, ironizou.
Finalmente, o voceiro do BNG agradeceu ao presidente a retirada dos bolardos situados na fachada da Deputación, no paseo de Montero Ríos, tras as dificultades para facelo en mandatos anteriores.