A DENUNCIA DO PP PRODUCIUSE DESPOIS DO BNG ACADAR A MAIORÍA ABSOLUTA NAS PASADAS MUNICIPAIS
Unha demoledora sentenza xudicial arquiva a denuncia do portavoz do PP contra o alcalde de Barro pola construción da piscina municipal
Barro, 20 de abril de 2021. No auto emitido polo xulgado de Caldas de Reis confírmase que o expediente de execución da piscina de Barro foi levado a cabo seguindo os trámites legalmente establecidos e sen que exista ningunha irregularidade na súa tramitación.
Para o Alcalde de Barro, Xosé Manuel Fdz. Abraldes, este auto “supón unha satisfacción, pois corrobora que o proceso de licitación e execución da piscina municipal foi impecábel.”
A denuncia pública feita polo Partido Popular sobre irregularidades sobre a execución da piscina nas vésperas das eleccións municipais, segundo o alcalde, foi presentada na Fiscalía polo portavoz do PP despois das eleccións “debido á rabia e frustración polos resultados nos que o BNG acadou a maioría absoluta, empregando na denuncia probas falsas e un baile de cifras distorsionadas para fundamentar dita denuncia, baseándose nun suposto informe técnico que ao final eran meras opinións de quen non coñecía o proxecto nin a execución do mesmo, sendo incapaz de facer un cálculo correcto das porcentaxes do modificado realizado sobre o proxecto inicial.”
Abraldes: "A denuncia do portavoz do PP é o epílogo de quen, despois de gobernar 32 anos, non aceptou pasar á oposición"
O fallo xudicial é demoledor: "O expediente levouse a cabo seguindo os trámites legalmente establecidos, sen que exista ninguna irregularidade na súa tramitación". Para continuar dicindo máis adiante: "Todos estes feitos non poden ser contrarrestados polas apreciación persoais dunha persoa que non tuvo diante todos os documentos da obra, non a foi a ver durante a súa construción, e ademais incorre en groserías afirmacións que atentan contra a lóxica. (...) A credibilidade do señor enxeñeiro é nula".
Para Abraldes esta denuncia do portavoz do PP “é o epílogo de quen despois de gobernar durante 32 anos non aceptou pasar á oposición e que pensaba que o concello era da súa propiedade.”