Cubela desenténdese dos Petróglifos de Cerdedo-Cotobade
Cerdedo-Cotobade, 1 de febreiro de 2021. O pasado xoves 28 Ernesto Filgueira defendeu unha Moción do BNG que tiña como obxectivo a protección, valorización e promoción dos petróglifos de Cerdedo-Cotobade. Nela reclamábase que o goberno do PP instase á Xunta a activar un paquete de accións encamiñadas a recuperar a grande riqueza de arte rupestre existente no municipio cuxa situación é de total abandono por parte de Jorge Cubela após de 10 anos como Alcalde.
A comezos de decembro un prestixioso historiador local relatounos como, grazas á sua intervención, os petróglifos da Laxe da Portela da Cruz -na baixada ao San Xusto- salváronse dunha tráxica agresión a causa duns traballos de limpeza a carón dos petróglifos catalogados como BIC, indicador do pasotismo, abandono e falla de aprecio por parte da administración local do PP. Ademáis, a moción recollía á necesidade de poñelos en valor creando estacións sinalizadas, dotando ao municipio dun Centro de Interpretación e articular unha estratexia de creación de Identidade de Marca apoiada cunha campaña de promoción turística.
O BNG non entende como Cubela ataca a Ernesto Filgueira deslexitimando a súa actividade como oposición -sempre propositiva, responsábel e dialogante- e trate de xustificar o seu voto contra á moción do BNG aludindo á perda dunha subvención do ano 2010 cando a traxectoria política de Filgueira remóntase ao ano 2019. O BNG transmite a súa máxima preocupación pola actitude altiva, desmesurada e pouco empática do alcalde nas últimas semanas.
O BNG ínsta a Cubela a voltar a un comportamento propio do cargo que ostenta e a seguir na senda do diálogo e dos acordos negociando unha nova moción que permita a recuperación dun patrimonio tan importante para o noso concello como son os petróglifos.