Os votos do PP impiden un acordo pola reactivación de Soutomaior
Soutomaior, 28 de xaneiro de 2021. O pleno do concello de Soutomaior celebrou onte un pleno no que se aprobou o orzamento municipal. Un orzamento que descende en medio millón de euros con respecto ao do ano pasado ( de 4.9 M€ a 4.4 M€) e no que a partida para investimentos se reduce nun 86% e fica en tan só 70.000 euros.
Ante este escenario, o grupo municipal do BNG propuxo ao goberno local un acordo de toda a corporación. Un acordo “que represente a toda a veciñanza para abordar a situación sanitaria e económica máis grave en décadas” pero o PP negouse a aceptar este acordo.
Nun contexto de grave crise económica e social, o PP négase a dialogar e aproba en solitario un orzamento no que os investimentos se reducen un 86%, ficando en tan só 70.000 euros
A proposta do BNG contemplaba liñas de actuación para axudar as pemes e ao comercio local, para reactivar o turismo “no Soutomaior post-covid” e para un fondo de continxencia para atender as necesidades na sanidade, na educación e na cultura que poidan abordarse dende as competencias municipais. Ademais propuña tamén un proxecto para a posta en valor do sector do mar e o vitivinícola.
O portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo sinalou que “cremos que este orzamento en solitario do PP en nada contribúe a solucionar tantos problemas de Soutomaior e por iso a nosa proposta é aberta e parte de sentarnos, falar e chegar a acordos. Estou seguro de que isto é o que nos piden os veciños e veciñas e non entendemos que o PP se peche en banda e se esqueza da metade do pobo de Soutomaior”.
Man tendida do BNG
Manu Lourenzo destacou tamén que “ detrás dos titulares do orzamento do PP vemos como a partida de emerxencia social se reduce en 10.000 euros, xa que o ano pasado tivo 52.000 e este ano, en plena pandemia só 42.000. Ademais tamén sinalou “que as achegas para a hostalaría son de só 20.000 euros, a metade do que o goberno local gasta por exemplo en telefonía, que ascende a un total de 38.000€”
Manu Lourenzo sinalou que xa demostramos que cando estamos xuntos Soutomaior mellora, por exemplo presentamos hai 2 anos unha moción para a recuperación da escola de Moreira como centro social, e vemos como agora, grazas os fondos da Deputación por fin a poderemos executar. Non entendemos como o PP, nun momento no que toda a veciñanza nos pide estar a altura das circunstancias, non dea a talla. Pola nosa banda, a nosa man segue tendida polo ben da veciñanza de Soutomaior.