LUNS, 18 DE MAIO
Conta atrás para a renaturalización do Gafos coa sinatura da acta de replanteo
Pontevedra, 14 de maio de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou hoxe o comezo das agardadas obras de renaturalización do río Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo, un proxecto cualificado de fito histórico para a cidade. A sinatura da acta de replanteo e o inicio dos traballos están fixados para o vindeiro luns, 18 de maio.
Durante a súa intervención, o alcalde amosou o seu entusiasmo: "Teño unha alegría inmensa porque empezamos a obra de renaturalización do río dos Gafos. Unha obra que é pioneira a nivel de todo o Estado e que vai a devolver a vida ao río do Gafos en Campolongo e tamén mellorar a calidade de vida de todos os veciños e veciñas de Pontevedra".
Segundo explicou o rexedor, as obras comezarán pola marxe esquerda e río arriba, é dicir, desde Xeral Rubín ata Alcalde Hevia. Ademais, o Concello tivo moi en conta a presenza dos centros educativos na zona xa que os traballos arrincarán preto da escola infantil de Campolongo pero deixarán libre a súa entrada, e cando peche o centro no mes de agosto habilitarase un novo acceso dende Xeneral Rubín. A obra tamén se acompasará cos ritmos da escola "respectando as súas clases e as siestas e descansos dos cativos", explicou o alcalde. Unha vez os centros collan vacacións, estenderase a actuación á contorna do CEP Campolongo e da EEI Crespo Rivas.
O alcalde explicou que as fases do plan de obra presentado pola empresa adxudicataria son as seguintes:
- 18 de maio – xullo 2026: Implantación da obra, replanteos topográficos, sinalización, organización de accesos, inicio das redes de saneamento, limpeza e desmontaxes.
- Xullo – outubro 2026: Renaturalización da canle, demolición da lousa de formigón que tapa o río, escavación do novo trazado, muros e proteccións hidráulicas.
- Outubro 2026 – xaneiro 2027: Redes de abastecemento e rego, drenaxes, canalizacións eléctricas e de telecomunicacións, iluminación e pavimentos base.
- Xaneiro – marzo 2027: Pavimentos finais, pasarelas peonís, áreas infantís e remates da urbanización.
- Marzo – maio 2027: Xardinaría, mobiliario urbano e posta en servizo.
- Segundo este cronograma da empresa, a finalización prevista das obras será cara mediados de maio de 2027.
Esta grande infraestrutura transformará por completo a fisionomía de Campolongo, recuperando o tramo urbano que permanecía soterrado. As principais cifras e datos son as seguintes:
- Actuarase sobre 21.929,47 m2 e unha lonxitude fluvial de 486,40 metros lineais (entre a rúa Xeneral Antero Rubín e a Avenida Alcalde Hevia).
- A obra foi adxudicada á UTE formada por COVSA e E.C. Casas por un importe de 4.191.406,25 euros (IVE engadido) e un prazo estimado de 12 meses.
- ("Quilómetro 0"): o formigón demolido da actual canle será triturado in situ para reutilizarse como base dos novos camiños, reducindo a pegada ecolóxica.
- Construiranse catro pasarelas peonís, incluíndo unha gran plataforma de 132 m2 para facilitar as entradas aos colexios. A renaturalización combinará noiros naturais e muros de perpiaño, duplicando a cantidade de árbores actuais con case un cento de novos exemplares e a plantación de 290 salgueiros. O saneamento tamén se sacará do cauce do río para previr fugas.