SÁBADO 16. AVDA. MONTERO RÍOS

Pontevedra acolle a primeira edición da proba deportiva híbrida Hurbax con máis de 500 participantes

Presentación de Hurbax
Presentación de Hurbax
Pontevedra acolle a primeira edición da proba deportiva híbrida Hurbax con máis de 500 participantes

Pontevedra, 14 de maio de 2026. A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, e o coordinador da proba, Mario Reis, presentaron a primeira edición de Hurbax Pontevedra, un evento novidoso que fusiona carreira a pé e exercicios de forza no centro da cidade. A competición celebrarase este sábado na contorna de Montero Ríos, espazo que acollerá a saída e o desenvolvemento das diferentes probas.

A concelleira Anabel Gulías agradeceu á organización ter escollido Pontevedra para pór en marcha esta proba, destacando que a cidade é unha excelente anfitrioa e que os eventos fanse "con moito cariño, con moita seguridade e con moita conciencia". Ademais, fixo un chamamento a toda a cidadanía para que se achegue á contorna de Montero Ríos a gozar e coñecer de preto esta nova proposta deportiva.

Pola súa banda, Reis explicou que se trata da única proba destas características que se celebra na Galiza. Hurbax é unha carreira híbrida na que os participantes deben intercalar treitos de 1 quilómetro de carreira a pé con cinco estacións de forza: remo, lanzamento de balón (wallball), zancada con peso, paseo do granxeiro e burpees. Unha das principais características que diferencian a Hurbax doutros eventos similares é a súa aposta polos centros urbanos, buscando espazos céntricos e fabulosos como o de Pontevedra para achegar o deporte á rúa.

O evento desenvolverase en horario de tarde, desde as 15:30 ata as 19:30 horas, co obxectivo de que a cidadanía poida integrarse, ver a competición de preto e gozar do ambiente. A organización prevé un tempo magnífico para a xornada, rompendo a dinámica de choiva doutras edicións noutras cidades.

As inscricións xa están pechadas, acadando un grande éxito con máis de 500 persoas inscritas nesta primeira edición pontevedresa. O coordinador da proba destacou dous datos moi relevantes sobre a participación:

  • Hai unha maior participación feminina que masculina, unha tendencia que vén sendo habitual neste tipo de eventos.
  • O evento supón un importante retorno para a cidade, xa que máis do 75 % dos participantes (preto do 80 %) proceden de fóra de Pontevedra, demostrando un gran poder de atracción similar ao que a proba tivo en cidades como Valladolid ou Santander.
Pontevedra acolle a primeira edición da proba deportiva híbrida Hurbax con máis de 500 participantes