Os Concertos do Viño inauguran unha programación que percorrerá distintos lugares de Barro durante todo o verán
Barro, 28 de maio de 2021. A situación sanitaria obrigou a suspender outra edición da Festa do Viño de Barro, mais nesas datas o concello de Barro organizará os Concertos do Viño, uns espectáculos que terán lugar no Pazo da Crega, nos que primará a seguridade e nos que se dará cabida á cultura nun momento tan complexo.
Os Concertos do Viño contarán coa actuación do grupo Luar na Lubre o sábado 19 ás 22:00 h. O domingo 20, ás 12:00 h actuará o Píscore cun espectáculo para público infantil e, pola tarde, ás 20:00 h terá lugar o concerto da Banda xuvenil de Barro con Suso Vaamonde.
As actuacións serán gratuítas e con aforo limitado, mais será necesario retirar a entrada nas dependencias muncipais, que estarán dispoñibles a partir do día 1 de xuño en horario de 9:00 h a 14:00 h.
Co obxectivo de extremar as precaucións e de realizar unha actividade segura e sen riscos, utilizarase un sistema de control no que as cadeiras estarán numeradas e separadas por sectores e no que os asistentes terán que aportar os seus datos persoais á hora de recoller as entradas coa finalidade de ser contactadas se fose necesario. Poderanse expedir un máximo de 5 entradas por persoa.
Os Concertos do Viño inauguran un ciclo de actividades culturais seguras que percorrerán distintos lugares das parroquias ao longo de todo o verán.