O Concello renaturalizará o río dos Gafos ao seu paso por Campolongo
Pontevedra, 29 de xaneiro de 2024. O obxectivo do Concello de Pontevedra é, en palabras de César Mosquera, renaturalizar o treito soterrado do río dos Gafos a través dun proxecto que irá "moito máis aló que destapar a cuberta". O concelleiro responsábel da área de mellora urbana deu conta das principais conclusións do estudo xeolóxico, hidroxeolóxico e estrutural encargado polo Concello.
Para ofrecer un contexto xeral, Mosquera fixo un breve percorrido histórico deste treito, e lembrou como era o seu estado previo á actuación realizada nos anos 70, que encaixou o río na actual estrutura de formigón. Así, contemplábase a existencia dunha especie de Illa, ao contar a corrente de auga cun brazo cara o que hoxe é a praza da Constitución.
Nese sentido, Mosquera sinalou que, tal e como pode ser extraído do estudo, non se pode volver as condicións iniciais naturais do río, polo que a renaturalización proxectada deberá ser realizada en base ás posibilidades existentes na actualidade.
O edil insistiu na súa explicación á hora de substituír o concepto de ‘destapar’ polo de ‘renaturalizar’, xa que o primeiro termo quédase curto e só fala dunha acción das que se poden e deberán ser acometidas no conxunto do proceso, poñendo de exemplo a retirada da soleira e da permeabilización lateral, o que permitirá nacer e medrar vexetación e darlle vida a este lugar, chegando a ter o río «ucn comportamento máis natural do que ten agora».
O estudio contempla e ofrece algunhas necesidades de actuación na canle actual, como por exemplo a retirada de certos elementos construtivos, como parte do muro de formigón existente, a solera de formigón en masa situada na zona inferior do río, e, por suposto, a cuberta superior.
Os planos contemplan tres subtramos de actuacións diferenciados para o futuro, en función do espazo existente para poder actuar sobre o río. "Sexa como for, o que está claro é que o cauce hai que protexelo, xa que se non podería cambiar no caso de recibir máis auga, máis aínda nas zonas de erosión —onde cambia de dirección—", indicou.
En dous dos subtreitos recoméndase tratar unha ribeira con pouca pendiente ou aterrazada, pensada para non crear problemas de desprazamento de ningún tipo. No restante, por mor do espazo, crearíase unha escolleira revexetada. O que si é que en todos se levantará a soleira, a cuberta e parte do muro de contención (estímase que un tercio do muro existente). Estímase que poderían ser retiradas máis de 7.000 toneladas de recheo e cascallos.
Agora o proxecto que defina os detalles sobre estas bases xeolóxicas e hidrolóxica, explicou Mosquera. "O proxecto indicará onde irán os pasos superiores e as pontes, se haberá algún sitio de acceso á canle, onde vai unha terraciña ou non... Todo iso. Estamos xa redactando as bases para sacalo a licitación".
O edil lembrou as dificultades actuais que atravesa o Concello ao non contar cuns orzamentos aprobados. "Xa se logrou sacar adiante isto a cambio de que outros proxectos non poidan ir", indicou.
Por último, o concelleiro estimou que se os distintos procesos de licitación e adxudicación acontecen en tempo e forma, é posíbel que os traballos de obra comecen en outubro deste ano.