O Concello reforza con máis de 1,2 millóns o mantemento urbano e rural
Pontevedra, 20 de xuño de 2024. A tenente de alcalde Eva Vilaverde destacou “o reforzo que estamos facendo no mantemento do Concello” lembrando a directriz marcada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores de manter os espazos públicos e de convivencia cidadá en perfecto estado de uso.
Nesta clave, a tenente de alcalde explicou que se prorrogou o contrato de mantemento dos espazos urbanos que xestiona a empresa Elsamex. A prórroga por un ano máis ten un orzamento de 726.000 euros e cabe a posibilidade dunha nova prórroga.
Ademais, fóra da orde do día a Xunta de Gobenro tamén aprobou a contratación da roza viaria do Concello para as zonas periurbanas e rurais. Eva Vilaverde confirmou que “é unha deficiencia que tiña detectado o Goberno, que pensábamos que había que reforzar”. Para iso, habilitouse unha partida de 499.999,95 euros por un prazo de dous anos “que supón o dobre do contrato que temos na actualidade” co propósito de realizar un traballo máis intenso, non soamente de corrección.
No contrato inclúese a roza viaria, incluíndo a recollida e limpeza dos residuos, toda a sinalización pero tamén de espazos singulares como campos das festas, accesos a infraestruturas, contornas de praias, equipamentos públicos...
Eva Vilaverde lembrou que Pontevedra ten 540 km de camiños e vías asfaltadas polo que é “un traballo importante que pretendemos reforzar con este duplicado. Era algo que tiñamos detectado e que efectivamente vimos que urxía”.