Arranca a Semana do Orgullo, coa colocación da faixa reivindicativa no concello
Pontevedra, 20 de xuño de 2024. Coa colocación da faixa do Orgullo no balcón da casa consistorial, deron comenzo os actos de celebración da semana do Orgullo en Pontevedra, unha ampla programación que combina cultura, formación, festa e reivindicación.
O Orgullo Pontevedra 2024 serán sete días de intensa actividade que comeza o 23 de xuño cun vermú de programa Pinto de Maragota, no Campiño para celebrar un San Xoán diverso con Señora DJ e petiscos de sardiña.
A programación continuará o luns 24 coa actividade "Contos de Cores" con Alba Blanco, dirixida a público infantil entre 4 e 10 anos, na libraría Seijas. O martes 25, mércores 26 e xoves 27 terán lugar faladoiros na Casa das Campas, o primeiro deles para falar de realidade non-binaria con Né Barros, Afra Torrado e Ariel Q. Sesar, a segunda unha nova edición de referentes con Guillermina Domínguez, protagonista xunto con Estela Lama da primeira voda lésbica en Galiza após a aprobación do matrimonio igualitario e a terceira abordrá as familias diversas, con David Silva, Olga de Andrés e Mónica Sousa.
O venres 28, Día do Orgullo LGBTIQA+, Avante LGBT farálle unha homenaxe a María del Carmen del Valle, mestra lesbiana de Cerponzóns que deixou pegada na comarca, ás 18.30 h. na Praza da Peregrina..
Ambienta, Mostra de cinema LGBT
Ademais, dende o día 24 ao 28 terá lugar unha nova edición de Ambienta, Mostra de Cinema LGBTIQA+, de Pontevedra, coa proxección dos seguintes filmes ás 20.30 h. no Teatro Principal:
- LUNS 24. Presentación a cargo do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez e estrea da curta “Delincuente”, de Nuria Vil, as intervencións de Nuria Gil, María Lado e Lucía Aldao, e posterior coloquio coa educadora social e activista antirracista Angelly Ferreiro
- MARTES 25. Proxección de “Te estoy amando locamente”, de Alejandro Marín e posteiror encontro con Omar Banana, candidato a mellor actor revelación nos premios Goya por esta película
- MÉRCORES 26. proxección do filme “O descoñecido do lago”, de Alain Guiraudie
- XOVES 27. Proxección do filme “Slow”
- VENRES 28, proxección das curtas “Shee”, de Lia Campbell, “Habitar”, de Anxos Fazáns, “Will you look at me” de Shuli Huang e “Maurice’s Bar”, de Tom Prezman e Tzor Edery
O propio venres 28 ás 22.00 h en La Verbena Club (rúa Charino” terá lugar a clausura de Ambienta 2024, con “7 notas, 7 cores”, música petarda con Tato DJ Animar Perint.
Fin de Festa nas Palmeiras
Rematarase cunha gran festa do Orgullo o sábado 29 de xuño, que este ano se muda ao Parque das Palmeiras a partir das 13.00 horas e até a madrugada. Iníciase cunha sesión vermú coa actuación de Ana Talibana. Tamén haberá unha sesión DJ durante a tarde con Duendeneta, na noite, habrá un concerto de Londreira e e pechará a festa a DJ, Señora DJ.
Manifestación do Orgullo
As oito da tarde do sábado 29 sairá das Palmeiras a manifestación do Orgullo Pontevedra con lema “Avanzar en Dereitos”.
Pontevedra, cidade diversa e Orgullosa
A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías explicou que dende o Goberno acordouse “unificar” as áreas que estaban levando as actividades de Igualdade “e facer unha única programación para celebrar que esta cidade é diversa e moi orgullosa”. Agradeceu a colaboración de Avante xa que “non tería sido posible organizar unha programación tan completa sin eles, sin elas”.
Indicou que “para nós os actos de orgullo non son unha efemérides nun calendario, é unha declaración de intencións do que é Pontevedra. Pontevedra é hoxe unha cidade moderna, acolledora e plural, unha referencia en moitas cousas, e tamén unha referencia na loita polos dereitos sociais das persoas”. Anabel Gulías anunciou que “este ano quixemos cargar políticamente, significar políticamente, estes actos. Son unha festa para celebrar entre todes, pero tamén unha declaración de intencións na defensa e no avance dos dereitos sociais das persoas”.
A concelleira de Igualdade explicou que dende a área de dinamización sociocultural faise unha proposta “formativa e informativa durante todo o ano”. Fixo repaso de programas como Pinto e Maragota “o primeiro programa de diversidade sexual que se leva a cabo neste Concello” ou as actividades nos centros de ensino.