O Concello instala catro casetas nos barrios para estender o novo mercado de creadores a toda a cidade
Pontevedra, 20 de xuño de 2024. A concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías informou que o seu departamento está a instalar catro casetas -similares ás de obra- en catro barrios da cidade para espallar por toda a cidade o futuro mercado de novos creadores e creadoras. Trátase da reformulación dun proxecto orixinalmente pensado para os baixos baleiros do Mercado de Abastos, que a concelleira retomou neste mandato pero coas casetas compradas cos fondos europeos EDUSI do anterior goberno.
A concelleira explicou que se trata dun proxecto adscrito á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible EDUSI Máis Modelo Pontevedra, financiada polos Fondos europeos Feder. “Unha parte central desta estratexia pivotaba sobre o equipamento do mercado de abastos” explicou Anabel Gulías. De feito, con esa financiación se acondicionou o primeiro andar da praza.
Esta actuación tiña unha segunda fase que era a creación dun mercado de novos creadores e creadoras que se ía a instalar nos baixos baleiros do mercado, complementando a Sétima Feira. Segundo explicou Anabel Gulías sería “unha feira de deseño na que os creadores e creadoras testarían o seu produto periodicamente, unha vez ao mes ou incluso menos”.
Rematado o mandato en 2019 a nova responsable da área “decidiu darlle outro enfoque. E dentro dese enfoque se iniciou a contratación de casetas -similares as que se poden atopar nunha obra- para instalar aí os creadores e as creadoras”, indicaba a concelleira que recordou que o proceso de contratación rematouse ao final do pasado mandato no ano 2023.
As casetas teñen un volume de 6x4 metros o que non permite instalalos na fachada do mercado de abastos porque bloquearían a fachada principal e non se poderían desenvolver outras actividades como o mercadiño de antigüidades. Optouse por instalalos noutros puntos, a uns 15 minutos de distancia camiñando, en distintos barrios. Dous xa están instalados: na praza da ponte do Burgo e en Campolongo. Outros dous instalaranse nos vindeiros días: na praza de entronque coa ponte de Santiago e nas inmediacións da pasarela José Adrio.
A intención da Concellaría de Promoción económica é retomar a medida inicial: “crear ese mercado de novos e novas creadores e creadoras e facer unha rede de arte emerxente en Pontevedra”, indicou Anabel Gulías. Desenvolverase en dúas fases: a primeira consiste no acondicionamento da parte exterior da caseta facendo unha decoración externa que evoque o contido das mesmas. “Para iso, o que imos facer son residencias artísticas na que catro artistas emerxentes da cidade e do entorno da cidade poidan facer ou pintar sobre a caseta e axeitala a realidade de cada barrio. Para esa decoración van a ter xuntanzas cos veciñas e veciños de cada barrio, van a estar durante un tempo testeando o barrio, vendo cales son os negocios, e definindo a idiosincrasia de cada barrio para poder facer esa decoración”, manifestou a concelleira.
Esta fase comezará en canto estean instaladas as casetas da man do artista local Javier Carrera, membro de Reclamo estudio “xa ten moita experiencia neste caso nestas intervencións e tamén a persoa que vai a comisariar xunto con o profesorado da Facultade de Belas Artes o contido das caseta”