O Concello de Pontevedra ten listo o anteproxecto para solucionar os asolagamentos na rúa do Santo e inicia a solicitude de autorizacións sectoriais
Pontevedra, 19 de febreiro de 2026. O Concello de Pontevedra dá un paso adiante para resolver os problemas de asolagamentos na Rúa do Santo, unha situación que se viu agravada polos recentes temporais. A alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, anunciou que o Goberno Local xa dispón do anteproxecto de obra listo para tramitar, tras acordar a solución técnica cos responsables de Augas de Galiza.
Vilaverde explicou que a proposta municipal inicial foi revisada e validada polo organismo autonómico. A solución definitiva non só inclúe a renovación da canalización baixo a vía do tren — punto crítico onde se producían os atrancos por diferenzas de altura na tubaxe—, senón que, perante a suxestión de Augas de Galicia, ampliarase un tramo máis cara arriba, cara á propia rúa do Santo, para recoller mellor as pluviais de dous colectores existentes.
O anteproxecto contempla a instalación dunha nova canalización con dimensións superiores. Substituirase o actual colector de 800 mm por un de 1.200 mm de diámetro. Segundo detallou a alcaldesa accidental, ao tratarse dunha relación cuadrática e non lineal, este cambio supón aumentar a capacidade de evacuación en máis do dobre (x2,25 máis). Ademais, a obra corrixirá as deficiencias de nivel (cota) que provocaban que a auga se estancase e retornase, garantindo agora unha saída fluída cara á zona de desaugadoiro.
O orzamento de execución estimado para esta actuación ascende a 270.473,39 euros.
Unha vez pechada a parte técnica, o Concello procederá de inmediato a solicitar as autorizacións pertinentes ás catro administracións e organismos afectados pola traza da obra:
- Augas de Galiza
- Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), ao cruzar unha estrada autonómica.
- Servizo de Litoral da Xunta de Galiza, por afectación de servidume.
- ADIF, sendo esta a autorización máis complexa e relevante, dado que a maior parte da canalización e dos novos arquetóns proxectados transcorren por terreos ferroviarios ou cruzan a vía.
Eva Vilaverde subliñou que, aínda que a situación con ADIF é complexa debido á xudicialización existente nesa contorna, o Concello espera unha resposta "pronta e satisfactoria" por parte de todas as administracións. "É unha obra necesaria e moi demandada pola veciñanza", afirmou Vilaverde, reiterando que o Concello está en disposición de comezar a execución en canto se reciban os permisos necesarios.