21 E 22. PISCINAS RÍAS DO SUR
Pontevedra convértese na referencia do waterpolo estatal coa celebración da Copa Federación Feminina
Pontevedra, 19 de febreiro de 2026. A cidade de Pontevedra prepárase para acoller esta fin de semana a Copa Federación de Waterpolo Feminino, un evento que reunirá os mellores equipos da categoría na piscina da Fundación Rías do Sur. A presentación oficial contou coa presenza da concelleira de Deportes, Anabel Gulías; representantes do Club Waterpolo Pontevedra e o presidente da Real Federación Española de Natación, Fernando Carpena.
Anabel Gulías abriu o acto cualificando a designación de Pontevedra como sede como un "feito importantísimo" e unha "satisfacción como concelleira de deportes que o deporte feminino marque a diferenza nesta cidade". Gulías quixo poñer en valor a tempada do equipo feminino do CW Pontevedra, lembrando que "só perderon dous partidos en toda a tempada" e clasificáronse como primeiras de grupo, o que lles permite afrontar este torneo con optimismo. A concelleira agradeceu a colaboración entre o Concello, a Federación Galega, a Española, a Fundación Rías do Sur e a Xunta de Galiza para facer posible o evento.
Desde o Club Waterpolo Pontevedra destacaron o enorme traballo organizativo das últimas semanas e, sobre todo, o esforzo das xogadoras, que compaxinan a súa vida persoal con adestramentos diarios e viaxes por todo o Estado. O obxectivo do club é que Pontevedra deixe de ser unha "illa" e se converta nunha referencia estatal, algo que xa se está a conseguir, como demostra a chegada de xogadoras doutras comunidades por iniciativa propia.
O prato forte chegará o sábado, cando o CW Pontevedra se enfronte na súa semifinal ao histórico Club Natació Barcelona. Aínda que o equipo catalán é o decano da natación no Estado, desde a Federación Española lembran que "na auga son sete contra sete" e que o factor cancha pode ser determinante nun torneo do K.O.
Fernando Carpena, presidente da RFEN, viaxou expresamente a Pontevedra para apoiar o evento, ratificando a cidade como un "punto clave" na estratexia federal de descentralizar o waterpolo máis alá de Cataluña e Madrid. Carpena eloxiou a estabilidade, a estrutura e as instalacións de Pontevedra, afirmando que a cidade ten unha piscina que permite organizar grandes eventos, como as vindeiras citas de natación artística.
Os partidos celebraranse na piscina de Rías do Sur cos seguintes horarios:
Sábado (Semifinais):
- 17:00h: CN Rubí – CN Cuatro Caminos.
- 19:00h: CW Pontevedra – CN Barcelona.
Domingo:
- 11:00h: Partido polo 3o e 4o posto.
- 13:00h: Final.
A entrada é libre para animar ás locais nunha cita histórica para o deporte pontevedrés.