A DEPUTACIÓN TARDOU DOUS ANOS E MEDIO EN PEDIR A LICENZA

O Concello de Pontevedra tarda só dous días e medio en conceder a licenza das escavacións arqueolóxicas de Santa Clara

santa clara
santa clara
O Concello de Pontevedra tarda só dous días e medio en conceder a licenza das escavacións arqueolóxicas de Santa Clara

Pontevedra, 5 de marzo de 2026. O Concello de Pontevedra vén de conceder na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe a licenza para a segunda fase das escavacións arqueolóxicas no convento de Santa Clara. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, indicou que "damos licenza á arqueoloxía de Santa Clara. Despois de dous anos e medio de espera para que se presentara o proxecto de arqueoloxía -absolutamente necesario-, o Concello en dous días e medio, dá licenza".

A concesión desta autorización pon fin a unha situación administrativa anómala. Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia xa emitira a autorización sectorial para esta segunda fase de traballos arqueolóxicos o pasado 13 de febreiro de 2026. Con todo, a Deputación non rexistrou a preceptiva solicitude de licenza no Concello ata principios desta mesma semana. En canto a documentación tivo entrada nas oficinas municipais, o concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, ordenou declarar a súa tramitación como prioritaria para acurtar ao máximo os prazos legais, que permitían ata tres meses para a súa resolución. Finalmente, os servizos técnicos municipais validaron o expediente en menos de tres días.

Coa rápida aprobación desta nova licenza para a segunda fase arqueolóxica, o Concello de Pontevedra reafirma que a recuperación de Santa Clara é unha prioridade absoluta. A Administración local demostra a súa disposición total para axilizar os trámites e garantir que, malia os obstáculos administrativos, a cidadanía poida recuperar e gozar deste espazo histórico o antes posible.

O Concello de Pontevedra tarda só dous días e medio en conceder a licenza das escavacións arqueolóxicas de Santa Clara