Barro inicia as obras de mellora integral dos accesos ao Parque da Natureza da Ría de Barosa

Visita ás obras de Barosa
Visita ás obras de Barosa
Barro inicia as obras de mellora integral dos accesos ao Parque da Natureza da Ría de Barosa

Barro, 6 de marzo de 2026. O Concello de Barro vén de iniciar as obras de mellora integral dos accesos ao Parque da Natureza da Ría de Barosa, un importante proxecto impulsado polo goberno local.

O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro de Obras de accesos a núcleos, Seguridade viaria e Humanizacións, Iván Bello Ferreiro, visitaron o inicio destes traballos, que permitirán transformar e humanizar a principal vía de acceso a este espazo natural emblemático do municipio.

A actuación desenvolverase ao longo de preto de 500 metros e contempla a implantación de medidas de seguridade viaria, a mellora e reorganización dos aparcadoiros, a creación dunha senda peonil segura que conectará as fervenzas co Camiño de Santiago e a renovación integral do alumeado público, entre outras intervencións.

O obxectivo deste proxecto é mellorar tanto a seguridade como a accesibilidade ao parque da natureza de Barosa, un dos principais atractivos naturais e turísticos do concello, ao tempo que se melloran as condicións para veciñanza e visitantes e se pon en valor un espazo natural e patrimonial de incalculable valor.

Durante a execución das obras poderán producirse restricións e modificacións puntuais no tráfico na zona. En todo caso, o acceso ao parque permanecerá sempre aberto para garantir que todas as persoas poidan seguir desfrutando deste espazo natural.

Barro inicia as obras de mellora integral dos accesos ao Parque da Natureza da Ría de Barosa