O Concello de Pontevedra saca a licitación o proxecto de acondicionamento e reforma da parcela sobre a vía do tren en 12 de novembro
Pontevedra, 2 de xaneiro de 2024. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, informou da saída a licitación do acondicionamento e reforma da parcela sobre a vía férrea da rúa 12 de novembro.
Tal e como lembrou o rexedor, esta actuación permitirá actuar sobre unha superficie de máis de 4.700 metros cadrados cun orzamento de 710.972 euros. A reforma creará unha nova de estancia sobre a plataforma que cobre a vía do tren que contará tamén con zonas axardinadas en ambos os dous lados —preto da calzada e preto das medianeiras— e que permitirá a circulación peonil con seguridade na zona, habilitando unha praza de 2.500 metros cadrados. Tamén está contemplada a instalación dunha fonte e mobiliario urbano.
A obra mudará radicalmente toda a zona, ofrecendo un novo espazo de estancia e paso para a cidadanía, ao tempo que abre unha nova vía de comunicación coa rúa Santa Teresa de Jesús Jornet
Doutra banda, un dos aspectos máis interesantes deste proxecto é a conexión, a través dunha rampla, coa rúa Santa Teresa de Jesús Jornet, favorecendo a permeabilización da zona e das conexións peonís entre estes dous espazos.
O proceso de licitación permanecerá aberto durante 20 días hábiles para recibir as distintas propostas das empresas que queiran realizalo, cun prazo de execución de nove meses.
“É unha obra que completará toda a cuberta, ofrecendo unha continuidade da pasarela actual e fomentando os tránsitos e a seguridade peonil na zona”, comentou Lores.