CUSTARÁ MÁIS DE 256 MILLÓNS EN 20 ANOS
Pontevedra aproba a licitación do novo contrato para a xestión de residuos públicos de competencia municipal
Pontevedra, 2 de xaneiro de 2025. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, informou da aprobación en Xunta de Goberno de dous contratos de especial relevancia para a cidade en relación coa aposta do Goberno Municipal para que en 2025 se dea un novo impulso, na mellora da recollida, separación e tratamento dos residuos municipais.
Logo da aprobación da ordenanza de xestión, “pioneira e adaptada a Lei actual e á directiva marco da Unión Europea”, o Concello de Pontevedra sacou a contratación da concesión de xestión dos residuos públicos de competencia municipal, o contrato de recollida, de limpeza viaria e de tratamento dos mesmos.
“Falamos dun contrato que estará activo por vinte anos, sen posibilidade de prórroga, e que conta cun orzamento de 256.165.740 euros”, sinalou o alcalde. “É, claramente, o contrato coa contía máis alta da historia deste Concello”.
As empresas interesadas en concursar terán 30 días naturais para presentar as súas ofertas.
No caso de dividir o contrato en anualidades, “falaríamos de case 13 millóns cada ano”, se ben é posíbel que haxa certas baixas no proceso de licitación. “O tratamento de Sogama non está incluído, e vai aparte, ao igual que o da limpeza de edificios e de colexios”.
Aprobada a asistencia técnica para a implantación e seguimento dun sistema de información bidireccional sobre a xestión de residuos de competencia municipal
Ademais da saída a contratación deste contrato, tamén se aprobou a licitación dunha asistencia técnica para a implantación e seguimento dun sistema de información bidireccional sobre a xestión de residuos de competencia municipal.
Trátase dunha acción pioneira que se levará a cabo ao longo de tres anos, cun custo global máximo de 321.904 euros.
“Queremos recoller e estudar información do que se está a facer cos residuos na cidade fóra dos domicilios”, indicou o rexedor. “Falamos dos residuos de competencia municipal que non sexan vivendas: comercios, establecementos de lecer, administracións públicas, hospitais, residencias...».
O obxectivo da asistencia será informar de como os distintos axentes teñen que separar os residuos que produzan en base a lexislación vixente, “ao tempo que lles imos requirir información sobre o volume de residuos e de como os tratan”. “Afondaremos en como se están a facer as cousas. Temos a obriga de sabelo e de remitirllo á Xunta de Galiza. Hai unha falta absoluta de información ao respecto do que pasa con moitos residuos”.