UNS ORZAMENTOS IRREAIS QUE NON DAN RESPOSTA ÁS NECESIDADES DO MUNICIPIO

O goberno municipal de Valga prevé recadar 100 veces máis en multas e sancións para paliar o descenso das inversións no orzamento para o 2025

Fran Devesa
Fran Devesa
O goberno municipal de Valga prevé recadar 100 veces máis en multas e sancións para paliar o descenso das inversións no orzamento para o 2025

Valga, 2 de xaneiro de 2025. No pleno extraordinario celebrado o 30 de decembro de 2024 debateuse a aprobación do Orzamento Xeral do Concello de Valga para o ano 2025. O BNG alertou que o proxecto de orzamentos é continuista e incapaz de responder as necesidades reais de Valga. Así o manifestou o portavoz nacionalista, Fran Devesa, onde o documento económico, de máis de 8 millóns de euros, foi aprobado cos únicos votos do Partido Popular. O BNG votou en contra por considerar que estes orzamentos ignoran problemas estruturais de Valga como o alarmante descenso demográfico, o nulo desenvolvemento urbanístico, a falta de apoio ao comercio local e o escaso reforzo dos servizos públicos. 

A falta de rigor á hora de realizar os orzamentos actuais por parte do goberno municipal maniféstase con claridade na previsión de ingresos para o orzamento anterior. Así, con respecto á previsión do ano 2024, no Imposto de Bens Inmobles, no Imposto de Actividades Económicas e no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica e na Taxa do Servizo de Recollida do Sumidoiro recadouse 143.198 euros menos segundo o previsto. Tamén había unha previsión de ingreso para o 2024 de 75.000 euros correspondentes á venda de terreos propiedade do Concello de Valga. En total, e segundo a conta xeral do 2024, foron 1.853.084 euros menos os que se recadaron segundo o previsto, unha boa mostra de que os orzamentos son papel mollado para o goberno municipal, un mero trámite para saír do paso cunhas cifras sen rigor e co único obxectivo de cadrar forzosamente as contas. 

Na previsión de ingresos para o ano 2025 chama a atención os ingresos de imposición indirecta, polo imposto de construcións, instalacións e obras, incrementase até os 280.000 euros, cando o ano pasado recadouse soamente 87.178 euros, case 98.000 euros menos do orzamentado. Este ano preténdese recadar tres veces máis, sen embargo non se especifica a orixe destes ingresos. 

Outro dos ingresos destacados previstos para o ano 2025 é relativo ás multas e sancións (limpeza de fincas, seguridade viaria ou sancións urbanísticas), pretendendo ingresar 100 veces máis que o ano anterior, cando soamente se recadou pouco máis de 500 euros. Respecto deste asunto, Fran Devesa alertou que o envío de dilixencias de notificación aos propietarios con parcelas situadas nas faixas de protección dos núcleos habitados para impedir o risco de incendios forestais pon a estes veciños nunha situación de indefensión ante a falta de información e a pésima xestión realizada polo goberno municipal do Partido Popular. O BNG de Valga solicitou ao alcalde, que é quen asina estas cartas, unha mellor xestión deste procedemento, que se non se fagan envíos masivos de cartas sen unha inspección in situ da parcela e que se realice unha campaña de información aos titulares das parcelas respecto da obriga de xestión da biomasa, evitando así a indefensión dos propietarios. 

O orzamento para o ano 2025 ascende a 8.475.157 euros, unha suba de soamente o 2,6% respecto do ano anterior, sendo este o incremento máis baixo desde o ano 2021. O incremento no apartado de inversións descende, pois o importe destinado a este concepto baixa comparado co ano anterior. Respecto do apartado do persoal, o incremento é inferior ao IPC, insuficiente para compensar a inflación, o que implicará unha perda de poder adquisitivo para as e os traballadores municipais. 

Nos gastos relativos ás subvencións a asociacións, comisións de festas e clubes deportivos, volve asignarse a mesma cantidade desde fai xa 10 anos. O BNG de Valga propuxo unha subvención mínima de 500 euros, en lugar dos 300 euros actuais, podendo esta chegar até os 1.000 euros dependendo da tipoloxía e tamaño da actividade. Fran Devesa tamén solicitou a actualización da listaxe de asociacións, pois no documento de orzamentos aparecen algunhas das que se descoñece actividade pública algunha. 

Para o ano 2025 xa non é de aplicación a regra de gasto para os exercicios de 2020, 2021, 2022 e 2023, que tras o COVID permitían ter déficit aos concellos. No informe de intervención xeral ao orzamento do 2025 considérase un superávit de 96.601 euros, que sen embargo non sería tal, pois esta cifra corresponde exclusivamente co pasivo financeiro (débedas, préstamos...), que sorprendentemente é o mesmo que o ano pasado. Outro exemplo máis da falta de rigor do goberno municipal para realizar os orzamentos municipais. 

Por todo o exposto anteriormente, o BNG votou en contra da aprobación do Orzamento Xeral do Concello de Valga para o ano 2025, unhas contas irreais, e que non dan resposta ás necesidades do concello. 

O goberno municipal de Valga prevé recadar 100 veces máis en multas e sancións para paliar o descenso das inversións no orzamento para o 2025