O PROXECTO INICIAL TEN UN CUSTE ESTIMADO SUPERIOR AO MILLÓN DE EUROS

O Concello de Pontevedra remite a Costas o proxecto de renaturalización da parcela da avenida de Marín e avanza para facelo realidade

Rolda de prensa presentación proxecto renaturalización de Mollavao
Rolda de prensa presentación proxecto renaturalización de Mollavao
O Concello de Pontevedra remite a Costas o proxecto de renaturalización da parcela da avenida de Marín e avanza para facelo realidade

Pontevedra, 28 de agosto de 2025. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, deu a coñecer os detalles do proxecto de renaturalización da parcela da Avenida de Marín, tamén coñecida como a parcela dos circos. Este proxecto, recibido recentemente polo Concello, é unha condición sine qua non para o inicio das obras do vial de Mollavao. 

Mosquera subliñou que a parcela abarca un total de 16.450 metros cadrados e que o proxecto aposta por unha renaturalización intensiva con vexetación. “A idea é delimitar o que era, digamos, até onde chegaba o mar historicamente e introducir diversos tipos de vexetación”, explicou Mosquera. 

O proxecto, que será remitido á Dirección Xeral de Costas para a súa autorización, presenta algúns puntos que probablemente requirirán axustes. “A única dúbida que temos, e que probablemente haxa que modificar, son os elementos emerxentes que necesitan unha base sólida de formigón”, indicou Mosquera. Isto inclúe, por exemplo, a iluminación alta ou a posible creación dun parque infantil, para os cales o equipo redactor propuxo solucións que poderían implicar demasiada estrutura de formigón. “No canto de báculo altos, pensamos en poñer boias baixas que requiren moito menos apoio, xa que o vial xa levará iluminación”, detallou. 

En canto á valoración económica, o proxecto está estimado en preto de 1.057.000 euros. Isto supón un custo aproximado de entre 75 e 80 euros por metro cadrado. “Poderíamos incluír este proxecto dentro dos dous millóns e medio da Deputación”, indicou Mosquera, preguntado polo financiamento do proxecto, ao tempo que sinalou que a súa execución non se levará a cabo ata que o vial de Mollavao estea completamente construído para evitar interferencias nas obras. 

Mosquera reiterou a importancia deste proxecto para cumprir coas condicións establecidas e garantir o avance da licitación e execución do vial. 

Balance e resumo da xuntanza de traballo con Costas 

Aproveitando a rolda de prensa, o edil de Infraestruturas tamén deu conta sobre unha reunión celebrada este mércores coa Dirección Xeral de Costas en Pontevedra, cuxo obxectivo principal foi intercambiar información e avanzar nos proxectos máis desenvolvidos que ten para co municipio. 

Ademais do xa mencionado proxecto de renaturalización de Mollavao, na xuntanza abordáronse outras dúas cuestións relevantes para o Concello: 

Dunha banda, estaría a desafectación de terreos en Mollavao. Mosquera explicou que se pretende recoller a oferta de Costas para desafectar a parte situada por riba da vía do tren, correspondente á antiga concesión de Malvar e outras parcelas. Esta superficie, que se estima en aproximadamente dúas hectáreas, pasaría ao Concello para realizar actuacións alí. O edil destacou a posibilidade de que esta zona se dedique a estacionamento, substituíndo o aparcadoiro actual da parcela que será renaturalizada. Costas mostrouse disposta a colaborar, estimando un prazo de entre seis e oito meses para este proceso. 

Doutra banda, situaríase o proxecto de rexeneración da praia de Ponte Sampaio. Neste caso, foi abordado o anteproxecto encargado por Costas para a rexeneración desta praia. O Concello solicitou que se lles permita facer achegas ao proxecto nos próximos 15 días, antes da súa exposición pública, co obxectivo de que as propostas municipais xa estean recollidas e evitar alegacións posteriores. O proxecto, que mantén unha boa cantidade de prazas de estacionamento, é de carácter moi natural e simple, centrándose en ampliar a praia, recuperar unha duna que existiu no pasado, crear sendas peonís e un vial xeneroso para estacionamento nos bordos, e mellorar a drenaxe da zona. A súa valoración económica sitúase ao redor dos 900.000 euros. A idea de Costas é executar esta obra entre o verán de de 2026 e o verán de 2027, evitando os momentos de maior uso do espazo de lecer. Mosquera subliñou a necesidade de falar cos veciños e veciñas da zona para buscar o máximo consenso antes da exposición pública. 

O Concello de Pontevedra remite a Costas o proxecto de renaturalización da parcela da avenida de Marín e avanza para facelo realidade