ESGOTADA A PRIMEIRA REMESA
O Concello lanza unha nova remesa de cartaces da campaña ‘Pontevedra con Palestina’
Pontevedra, 28 de agosto de 2025. Pontevedra vén de demostrar, máis unha vez, a súa solidariedade co pobo palestino. A campaña ‘Pontevedra con Palestina’ finalizou a súa primeira fase cun éxito evidente, logo de esgotar as existencias de todos os cartaces impresos para a mesma, medio milleiro. O Concello, atendendo a peticións de establecementos e particulares, repartirá 300 máis.
O alcalde lembrou no seu intre que esta campaña pretende visibilizar o apoio da veciñanza pontevedresa para cos palestinos e palestinas que están a vivir un inferno en vida, mentres o mundo semella ollar cara a outro lado. “Os organismos internacionais están a ser excesivamente tímidos á hora de condenar e tomar medidas contra o xenocidio que se está a acometer en Palestina”, indicou na presentación da campaña. “Creo que hai que avanzar e acabar con esta masacre pois é o que é. A sociedade ten que rebelarse contra esta situación. Debemos ter mecanismos para parala”.
Fernández Lores explicou que a campaña ten como obxectivo colaborar co comercio local e a súa veciñanza para posicionarse contra este xenocidio. “Agradecemos que todas as persoas que queiran colaborar e amosar o seu apoio contra as accións terríbeis que se están a cometer en Palestina”.
A nova remesa de carteis comezará o seu reparto de inmediato, polos distintos establecementos que quedaron sen el na primeira quenda. Ademais, tamén se habilitará un punto de recollida na caseta de Turismo da avenida de Montero Ríos.