O Concello de Pontevedra remata a mellora do Gafos na Ponte Nova e incorpora un espazo de esparexemento ao barrio
Pontevedra, 19 de novembro de 2025. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, visitaron esta mañá o resultado da reforma da senda do río Gafos no tramo da rúa Ponte Nova, un proxecto que transformou a beira esquerda do río nun novo espazo de lecer e convivencia.
O alcalde destacou a calidade do resultado final durante a súa visita, subliñando a importancia destas obras de menor envergadura na mellora urbana. Tamén engadiu que o impacto da reforma é notable, especialmente grazas á iluminación.
O rexedor insistiu en que "seguiremos facendo todo isto porque unha cousa son as grandes obras que xeneran un impacto moito máis importante e outras son as pequenas que melloran tamén a calidade de vida da veciñanza". Asegurou que para el "é unha alegría ver rematada esta obra e ver que cambiou a cara deste barrio".
O proxecto
A actuación, que supuxo a intervención nunha superficie de 170 metros cadrados, centrouse na demolición dunha edificación ruinosa que antes funcionaba como lavadoiro. Este inmoble, que ocupaba 94 m2 e carecía de valor patrimonial ou arquitectónico, supoñía unha mala imaxe para a zona.
O proxecto logrou a recuperación da beira esquerda do río Gafos, creando un espazo accesíbel e unha nova zona pública de estancia e esparexemento para o goce da veciñanza e dos paseantes. A obra destacou polo seu aproveitamento de recursos locais, aplicando o concepto de «quilómetro 0», xa que a pedra resultante da demolición se reutilizou para dar continuidade ao muro existente, levantando un novo muro de contención. O peche foi realizado por canteiros de Pontevedra (concretamente de Verducido) usando a técnica de xunta seca, o que lle confire un aspecto tradicional. Ademais, a obra finalizada incorpora iluminación de LED.
A intervención tivo un custe de 43.439 euros