O Concello de Pontevedra recibe o proxecto de Mango para a súa expansión no corazón comercial de Pontevedra
Pontevedra, 16 de decembro de 2025. O edil de Urbanismo, Alberto Oubiña, informou da presentación dun proxecto de gran magnitude por parte da multinacional Mango, que ten a intención de abrir unha nova tenda e ampliar radicalmente a súa presenza na cidade.
O proxecto e as súas actuacións de reforma, que supón unha das maiores operacións de rexeneración urbana nesta zona, situarase na no número 6 da rúa Benito Corbal, mais tamén se percibirá na rúa Daniel de la Sota.
Esta actuación, que excede unha simple reforma de lavado de cara, vai supoñer a unión de cinco locais en planta baixa e a recuperación e posta en valor de máis de 1.000 m2 no corazón comercial da cidade. Entre os espazos que se integrarán atópanse antigas tendas como Foot on Mars, e tamén o que foi a discoteca Daniel ou Lelé de Noite. O investimento declarado para esta intervención supera os medio millón de euros, e a documentación técnica presentada consta de máis de 700 páxinas.
Oubiña destacou que o proxecto é relevante non só polo seu tamaño, senón tamén pola innovación que trae consigo. Mango detalla solucións de economía circular moi novidosas. Por exemplo, nas zonas de servizo van instalarse falsos teitos fabricados integramente con materiais recuperados de roupa reciclada da propia marca, convertendo recursos téxtiles en material de construción de alta calidade.
Ademais, as paredes do local irán revestidas cunha pintura ecolóxica especial de grafeno que, segundo se indica, axuda a limpar o aire e ten capacidade técnica para absorber o CO2 do ambiente, funcionando como un elemento activo de depuración do aire interior. A nivel de obra e enxeñería, a intervención é inxente, buscando crear espazos diáfanos. Para o traballo nos forxados e nas estruturas das paredes, optan por unha solución de fibra de carbono, o mesmo material que se emprega en coches de Fórmula 1 ou na industria aeroespacial.
O proxecto tamén amosa unha alta sensibilidade co patrimonio, xa que o local está no ámbito do BIC da Peregrina e ao lado do Gran Garaxe. A empresa xa presentou previamente o proxecto ante Patrimonio da Xunta e obtivo o seu visto bo. Para evitar restarlle protagonismo ao edificio histórico protexido, as carpinterías exteriores terán un acabado mate co obxectivo de non xerar brillos.
En materia de accesibilidade, vaise unificar toda a intervención a cota cero para garantir a accesibilidade total desde a rúa, eliminando barreiras que existían nalgúns accesos desde a rúa Daniel de La Sota. O novo espazo acollerá a liña Mango Teen, dirixida á mocidade.
O edil Oubiña subliñou que Mango é unha empresa consolidada que está a realizar unha operación de escalado da súa marca na cidade, despois de validar que o seu modelo funciona coas tendas actuais. ”Isto demostra unha vez máis que o Modelo Pontevedra é un valor seguro á hora de presentar propostas no concello".
O concelleiro afirmou que cando se crean espazos públicos de calidade e se convida á veciñanza a camiñar polas rúas, as grandes empresas responden "con confianza, con investimentos potentes e punteiros". Oubiña incidiu en que este proxecto non só xera actividade económica para a empresa, senón que será un punto de revitalización extra para as zonas de Daniel de la Sota e Benito Corbal.
O edil concluíu que o proxecto combate o "apocalipse do retail", probando que cando se fai cidade esta resulta un "refuxio económico seguro" para desenvolver proxectos de alta calidade.
O proxecto entrou no concello a través da figura de comunicación previa. Se se adapta a esta figura, o concello podería conceder a autorización en 15 días, o que permitiría comezar os traballar, en apenas unhas semanas. Non obstante, está pendente de informe dos técnicos municipais para avaliar se a intervención nos forxados (necesaria para a instalación dun montacargas/ascensor) require que se presente como proxecto de licenza, o que suporía un prazo máis longo.