O concello de Pontevedra recibe de Costas a concesión dos 17.000 m2 da antiga imprenta provincial e do parque de maquinaria

Miguel Fdez. Lores
Miguel Fdez. Lores
O concello de Pontevedra recibe de Costas a concesión dos 17.000 m2 da antiga imprenta provincial e do parque de maquinaria

Pontevedra, 6 de novembro de 2025. A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a aceptación da concesión por parte de Costas dos terreos que antes ocupaban o parque de maquinaria e a imprenta provincial. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores explicou que "ata o de agora non tiñamos ningún título habilitante para actuar alí porque era unha concesión da Deputación, pero a concesión xa é agora do Concello de Pontevedra". 

Trátase dunha parcela de 17.688 m2 sobre a que Costas outorga unha concesión de 15 anos prorrogable por outros 15, e cun uso xeral, público e de balde. O mantemento correrá a cargo do Concello. 

Taxazo de Sogama

A Xunta de Goberno tamén autorizou o incremento do gasto destinado ao tratamento dos residuos urbanos que o Concello envía a Sogama debido ao incremento do custe do servizo de tratamento de tonelada de lixo que pasou de 72 euros a 108 euros, o que supón un incremento do 50%. 

O acordo gubernamental é ncrementar de dous a tres millóns de euros a partida para o cubrir estes gastos, que como informou o alcalde non se debe a unha maior recollida de toneladas de residuos producidas por Pontevedra senón a incremento das tarifas de Sogama. 

Este acordo de incremento é tanto para o ano vixente como para 2026. 

Fontes ornamentais

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a contratación do servizo de control, mantemento e xestión de 16 fontes ornamentais: fonte dos Nenos, fonte da Praza de Galiza,  fonte das Palmeiras, fonte de Campolongo,  fonte dos Xardíns Marescot, fonte da Ferraría, fonte na Praza da Estrela, fonte dos Tornos, fonte do Teucro, fonte do Peirao,  fonte da Praza de Luís Otero, fonte na rúa Gaiteiro Ricardo Portela, fonte da rúa Laranxo, fonte das Ras, fonte de Barcelos e fonte de Avda. Compostela.

Trátase dun contrato de 4 anos de duración cun orzamento global de 341.516 €. 

Vestiario e protección individual

Por outro lado, a Xunta de Goberno tamén aprobou a contratación da ampliación dos gastos de vestiario e equipos de protección individual (EPI) para diversos servizos e seccións do concello (electricidade, parque móbil, obras, sinalización, xardíns e policía). O orzamento para 4 anos é de 428.011 €. 

Puntos de recarga de vehículos eléctricos

Finalmente, tamén autorizou a regularización das obras para a instalación de 39 puntos de recarga de vehículos eléctricos en tres parkings municipais: 

  • Barcelos: 23 puntos. 
  • Audiencia: 12 puntos. 
  • Mercado: 4 puntos. 
O concello de Pontevedra recibe de Costas a concesión dos 17.000 m2 da antiga imprenta provincial e do parque de maquinaria