O Concello de Pontevedra lanza a licitación da reurbanización de Rosalía de Castro e o novo acceso á avenida de Marín por 3,7 millóns

Miguel Fdez. Lores Licitación contrución da conexión da avda. de Marín e Rosalía de Castro
Miguel Fdez. Lores Licitación contrución da conexión da avda. de Marín e Rosalía de Castro
O Concello de Pontevedra lanza a licitación da reurbanización de Rosalía de Castro e o novo acceso á avenida de Marín por 3,7 millóns

Pontevedra, 6 de novembro de 2025. O Concello de Pontevedra vén de dar un paso crucial na reurbanización da rúa Rosalía de Castro e na construción da novo acceso de conexión con Mollavao coa slicitación do proxecto que ten un investimento de 3,7 millóns de euros. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, expresou a súa satisfacción sinalando que a licitación supón unha "alegría grande" xa que é "unha obra na que tiña un persoal especial interese en sacar adiante" despois de "moitísimos anos intentándoo e que tivo todas as vicisitudes negativas habidas e por haber, tendo mesmo que recorrer ao pacto de investidura para que saise adiante”. 

O proxecto ten como obxectivo a desconxestión e diversificación do tráfico de paso, desviando o tráfico cara a avenida de Marín e liberando Rosalía de Castro de entrada. Ademais de aliviar a circulación rodada, busca a integración urbana e a rehabilitación ambiental dunha zona degradada -a parcela dos circos-, a través dun proxecto de mellora ambiental con zona arborada. 

O novo acceso proxectado constitúe unha ligazón transversal de aproximadamente 100 metros de lonxitude entre a avenida de Marín (PO-12) e a rúa Rosalía de Castro (antiga PO-546). A vía proxectada será de dous carrís con sentido de dobre de circulación. Terá dúas glorietas para o calmado do tráfico: unha glorieta na avenida de Marín e outra en Rosalía de Castro. O deseño fomenta a mobilidade segura e sostible, incluíndo beirarrúas de 3 metros de ancho entre bordos, complementando o tráfico ciclista que irá na calzada a velocidade 30. 

O alcalde Lores amosou a súa satisfacción por sacar adiante un proxecto no que tiña "un especial interese". A actuación transformará unha vía interurbana nunha rúa urbana, desviando o tráfico de entrada cara á avenida de Marín e integrando unha zona actualmente degradada coa cidade.

A segunda parte da actuación céntrase na reurbanización de Rosalía de Castro (entre Manuel del Palacio e a ponte do ferrocarril ao Porto de Marín). Esta reforma integral supón "transformar unha estrada interurbana nunha rúa con estándares do Modelo Pontevedra", adaptando a súa xeometría para dar prioridade aos peóns e reservando un único carril para a circulación de vehículos en sentido saída da cidade. 

Levará beirarrúas de ancho mínimo de 2 metros, acadando na maior parte do percorrido os 2,5-3 metros. O proxecto inclúe pasos de peóns elevados, a renovación integral de todos os servizos municipais (abastecemento, saneamento e alumeado), mobiliario e xardinaría. Ademais, crearanse dúas zonas de coexistencia, unha delas diante da praza de Mollavao e a outra fronte ao colexio Juan Sebastián Elcano, que axudarán a atenuar o tráfico rodado. 

A mellora do barrio de Mollavao realízase mediante unha única licitación que ascende a 3.726.621,23 euros entre os dous proxectos: 

  • Vía de conexión: cunha achega de 1.279.762,39 euros (conveniada coa Deputación). 
  • Rosalía de Castro: Cun custo de 2.446.858,84 euros.
O Concello de Pontevedra lanza a licitación da reurbanización de Rosalía de Castro e o novo acceso á avenida de Marín por 3,7 millóns