O Concello de Pontevedra presenta “Pontevedra é A Vila do Mañá”, accións participativas coa infancia como protagonista do modelo urbano

A Vila do mañá
A Vila do mañá
O Concello de Pontevedra presenta “Pontevedra é A Vila do Mañá”, accións participativas coa infancia como protagonista do modelo urbano

Pontevedra, 5 de decembro. O Concello de Pontevedra continúa a desenvolver o seu modelo de cidade recoñecido internacionalmente, agora incorporando ás súas accións participativas o proxecto “Pontevedra é A Vila do Mañá”, unha iniciativa dirixida á infancia e á adolescencia que propón entender a cidade como un taboleiro de xogo e un laboratorio de aprendizaxe no que as crianzas poidan descubrir, percorrer e transformar o espazo urbano a través da arte, da arquitectura e da experimentación directa. 

A nova proposta, presentada pola responsable da área de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, procura que nenas, nenos, mozas e mozos coñezan mellor o seu hábitat, valoren o patrimonio material e inmaterial e participen da cidade para crear unha poboación crítica dende idades temperás. 

As actividades desenvolveranse os días 22, 23, 29 e 30 de decembro coa Casa da Luz como punto de encontro. Estarán distribuídas en 8 quendas: polas mañás, de 10.00 a 14.00 horas, e polas tardes, de 15.30 a 17.30 horas. Trátase de accións destinadas a crianzas a partir dos 6 anos nas que se explorará a percepción do espazo, a relación do corpo coa cidade, a escala, os percorridos e a creación efémera. 

A edil adiantou que “este proxecto permite poñer no centro a mirada das crianzas, recoñecéndoas como parte da cidade e dándolles ferramentas para comprender e transformar o espazo. Pontevedra leva anos apostando por un modelo urbano pensado para as persoas, e “A Vila do Mañá” reforza esa visión a través da teoría dalguén que admira tanto Pontevedra coma Tonucci, incorporando ás xeracións máis novas. Dende o Concello de Pontevedra reafirmámonos no noso compromiso cunha cidade aberta, participativa e amable que promove o dereito da infancia a habitar, comprender e transformar”. Con ela estivo a directora do proxecto, a arquitecta Sandra González, quen explicou que a metodoloxía das actividades se baseará na percepción sensorial, na creación colectiva, na observación do contorno e na apropiación temporal dos espazos cotiáns, empregando ferramentas que permiten repensar a cidade desde a escala humana. 

A iniciativa, que ten visitado máis de 25 municipios galegos, foi galardoado o pasado ano coa máxima distinción na categoría “Pedagoxías” da Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo (BIAU), recoñecemento que recibiu no Museo de Arte de Lima grazas ao traballo levado a cabo no barrio vigués de Coia. 

A inscrición é de balde e realízase a través do Apúntate da páxina do Concello de Pontevedra, onde deberá seleccionarse unha das oito quendas dispoñibles. A información ampliada pódese consultar na páxina do proxecto

O Concello de Pontevedra presenta “Pontevedra é A Vila do Mañá”, accións participativas coa infancia como protagonista do modelo urbano