Barro lanza a súa programación de Nadal con máis dunha vintena de propostas para todos os públicos
Barro, 10 de decembro de 2025. O Concello de Barro presentou este martes a programación do Nadal, unha proposta que volverá transformar o Pazo da Crega no corazón das festas e que, segundo destacaron o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes; o concelleiro de Cultura, Adrián Silva; e a concelleira responsable do operativo de montaxe, Rocío Martínez, busca ofrecer “un espazo vivo, próximo e cheo de experiencias compartidas” para toda a veciñanza. O alcalde subliñou que “o Nadal en Barro non é só unha serie de actividades: é unha forma de estar xuntos, de recuperar tradicións e de construír comunidade”, e agradeceu “o traballo incansable das persoas voluntarias que fan posible que o Pazo volva lucir como un lugar realmente especial”.
Desde o 19 de decembro e ata o 5 de xaneiro, Barro converterase nun escenario no que conviven tradición, música, teatro, animación e actividades pensadas especialmente para as familias, contribuíndo a manter viva a ilusión destas datas.Fernández Abraldes salientou que “cada ano tentamos mellorar e ofrecer unha programación que chegue a todas as idades”, e asegurou que “o Pazo da Crega seguirá sendo un espazo de referencia para quen busca un Nadal diferente, acolledor e auténtico”.
O Pazo da Crega volverá ser o corazón das celebracións cun programa que combina a tradición, a ilusión e o divertimento
A apertura oficial celebrarase o día 19 coa iluminación do Pazo, un dos momentos máis agardados, e coa chegada de Papá Noel para recibir as cartas das crianzas. A tarde completarase coa actuación de Peter Punk e cunha chocolatada que dará o primeiro sabor festivo ao Nadal barrense. A programación continuará nos días seguintes con propostas moi diversas: desde a audición do alumnado da Escola de Música ata o trineo de Papá Noel, a visita do Apalpador ou unha viaxe polas tradicións galegas do Nadal da man de Lidia Mariño, que culminará co acendido do tizón, unha tradición recuperada nos últimos anos e que tivo unha gran acollida entre a veciñanza.
O Pazo e outros espazos municipais acollerán tamén espectáculos para públicos moi distintos: a música en clave humorística de “Molto Barroco”, da compañía Píscore; o concerto da Coral Polifónica de Barro e das pandeireteiras de Peñaflor; a maxia de David Maestro; o Mercado de Nadal diante do Centro Cívico; ou o cine familiar con “MUFASA”. Os coros parroquiais, o grupo de acordeóns Rías Baixas e o teatro infantil de Chafallas completan uns días aos que hai que sumar os obradoiros Nadal en Verde, tres mañás de actividades gratuítas dirixidas a nenas e nenos de 6 a 12 anos, que contribuirán a manter o Pazo como espazo de encontro e aprendizaxe durante o período non lectivo.
O 31 de decembro volverán celebrarse as Badaladas Miúdas, que permiten ás crianzas vivir o seu propio fin de ano en horario de mañá e nun ambiente pensado para elas, mentres que, xa na madrugada do día 1, unha festa diante do Centro Cívico dará a benvida a 2026 para o público adulto. A música tomará o relevo nos primeiros días de xaneiro cun baile de aninovo con Ana Angueira, un recital de zanfonas e voz a cargo de Suso Vaamonde na Capela do Pazo e unha das citas culturais máis destacadas desta edición: a representación de “O Quebranoces”, interpretado polo Ballet de Galicia xunto coa Banda de Música Xuvenil de Barro, que converterá a Nave da Música nun escenario de gran formato.
O broche final chegará o 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis. As Súas Maxestades recibirán primeiro ás nenas e nenos no Pazo da Crega, acompañados polo Grupo de Danzas Amor Ruibal, antes de emprender a tradicional comitiva ata a Nave da Música. Alí, a música de DJ MOE e unha merenda con chocolate e rosca porán o punto final a unhas semanas de intensa actividade que, un ano máis, consolidan o Nadal en Barro como unha das celebracións máis recoñecibles e queridas da contorna.