O Concello de Pontevedra presenta “Aquí hai moito de aquí”, a nova campaña a prol da economía circular no Mercado de Abastos

Aquí hai moito de ti
Aquí hai moito de ti
O Concello de Pontevedra presenta “Aquí hai moito de aquí”, a nova campaña a prol da economía circular no Mercado de Abastos

Pontevedra, 27 de novembro de 2025. O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, vén de presentar a nova campaña de merca sostible e con traza “Aquí hai moito de aquí” destinada a promover o comercio de proximidade, poñer en valor os produtos locais e a ecoloxía do Mercado de Abastos. 

A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, salientou que a iniciativa “pretende contribuír a que cada compra sexa máis sostible e que cada embalaxe que evitamos axuda a frear o desastre climático”. Aproveitou tamén para lembrar que detrás de cada compra feita na Praza de Abastos “hai persoas, profesionais e proxectos que sosteñen a vida da cidade e contribúen ao seu modelo de convivencia”. 

A campaña consistirá no reparto de friameiras e outros útiles reutilizábeis e de balde para facer compras no Mercado de Abastos, de xeito que se garanta a sustentabilidade de cada merca. Xa están dispoñibles nos postos do Mercado. Amais, distribuiranse materiais gráficos no Mercado, e estará acompañada dunha acción informativa dixital para chegar ao maior número de persoas posible. A campaña nace co obxectivo de visibilizar o potencial do comercio pontevedrés, a súa calidade e diversidade, así como a importancia de consumir no territorio para manter viva a actividade económica e a identidade de Pontevedra. 

Esta iniciativa forma parte da liña de apoio ao sector comercial local e incide na importancia de apostar polo consumo local como ferramenta de cohesión social e económica. A edil destacou que “Pontevedra non sería a mesma sen o impulso dos seus pequenos establecementos, polo que esta campaña é tamén un agradecemento colectivo aos negocios que fan cidade todos os días e dende o Concello continuaremos impulsándoos con esta outras accións que estamos a levar a cabo como Eu merco local, que bota a andar mañá mesmo”. 

O Concello de Pontevedra presenta “Aquí hai moito de aquí”, a nova campaña a prol da economía circular no Mercado de Abastos