O CONCELLO PORÁ 600.000 A DISPOSICIÓN DAS ENTIDADES DEPORTIVAS
O Concello de Pontevedra ponse ao día nas subvencións aos clubes deportivos
O Concello de Pontevedra ven de aprobar as bases e da convocatoria para as subvencións de clubs deportivos da cidade para os anos 2023 e 2024. “Poñémonos ao día, tal e como prometemos no seu momento, nas anualidades destas axudas”, indicou a alcaldesa accidental, Eva Vilaverde. “Aprobamos as bases e a convocatoria das subvencións para os clubs deportivos tanto para o ano 2023 como para o ano 2024”.
O Concello de Pontevedra investirá de 300.000 euros en axudas en cada unha das convocatorias, 600.000 en total, que os clubs deberán tramitar por separado para que sexa un proceso máis doado para cada entidade interesada. As axudas comparten os contidos no que ten que ver coas súas bases de adxudicación e nas súas contías.
O obxectivo destas axudas é o de promover a práctica deportiva a través da participación e competicións oficiais. Os seus beneficiarios son as asociacións ou entidades deportivas privadas sen ánimo de lucro, adaptadas á Lei do Deporte, federadas, que teñan o domicilio social en Pontevedra, que participen en competicións deportivas oficiais e que figuren no rexistro oficial de asociacións e identidades deportivas da Xunta de Galiza.
«Quixemos, ademais, que quedara constancia en Xunta de Goberno Local o recoñecemento expreso ao Servizo de Deportes, así como demais servizos municipais implicados na posta en marcha destas subvencións pois somos conscientes que en poucas semanas foron quen de sacar distintas liñas de axudas», indicou. “Queremos amosar o noso agradedcemento polo traballo inxente realizado polos traballadores e traballadoras do Concello de Pontevedra ao longo destas semanas. Conseguimos non saltarnos ninguna tempada e logramos poñernos ao día”.