O Concello de Pontevedra pon en funcionamento o Mercado Creativo, un espazo de encontro entre arte, cultura e gastronomía
Pontevedra, 7 de outubro de 2025. O Concello de Pontevedra, presentou as dúas actividades que dan comezo esta semana dentro do programa Pontevedra Capital Gastro: o Mercado Creativo e a Mesa do Camiño.
A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, reiterou durante a presentación que o equipamento se converterá así nun referente do deseño e da arte e que en só un par de días xa foran seis as persoas interesadas en abrir un posto, dun total de 15 que haberá dispoñibles. O Mercado Creativo constará de dez edicións que farán do primeiro andar do Mercado de Abastos un espazo vivo de encontro entre arte, cultura e gastronomía.
A primeira cita terá lugar este mesmo sábado 11 de outubro ás 11.00 horas, dando así inicio a un ciclo que se desenvolverá durante dez xornadas ata o mes de abril de 2026. As vindeiras xornadas do Mercado Creativo volverán celebrarse os días 8 e o 22 de novembro, o 31 de xaneiro, o 14 e o 28 de febreiro, o 14 e o 28 de marzo, e o 11 e o 25 de abril.
Cada xornada contará con expositores, actividades paralelas e propostas culturais que farán do mercado un referente da creatividade pontevedresa, incluíndo un concerto de bandas locais para gozar dun vermú nun equipamento histórico e vivo da cidade que se estenderá até as 15.00 horas. Para participar do Mercado Creativo, o Concello de Pontevedra convoca a artistas, deseñadoras e deseñadores con interese en formar parte das próximas edicións. As inscricións están xa abertas de balde a través do formulario dispoñible na web municipal, no apartado “Apúntate”, do correo electrónico pontevedra.capital.gastro@animatium.com ou a través dos códigos QR, e cómpre facelo canto antes porque as prazas son limitadas. Ademais, complementarase con actividades para crianzas para garantir o ocio en todos os tramos de idade como é o caso do xa exitoso Ganapán, que se celebra os sábados pola mañá e que abre as inscricións cada mércores.
Por outra banda, este xoves día 9 dá inicio a primeira Mesa do Camiño, unha iniciativa de promoción do Camiño Portugués que quere amosar aos peregrinos que fan parada na cidade a gastronomía local, coa oportunidade de gozar das creacións de cociñeiros e cociñeiras da cidade.