Novos avances na procura de solucións para as inundacións derivadas do río Valdecorvos

César Mosquera
César Mosquera
Novos avances na procura de solucións para as inundacións derivadas do río Valdecorvos
Pontevedra, 7 de outubro de 2025. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, subliñou a necesidade de estudar todas as posibilidades e ir á raíz do problema dos anegamentos nas rúas contíguas en rúas como Fernando Olmedo, antes de acometer intervencións. 

O edil lembrou que a zona presenta moitas “arestas", xa que historicamente o río desauga onde actualmente existen edificios na canle, desembocando todo no antigo Estadio da Xuventude (CGTD). Por iso, antes de actuar, é fundamental ter a máxima información posible e un diagnóstico completo para evitar repetir actuacións que non funcionaron no pasado. 

Mosquera presentou os resultados do estudo encargado polo Concello sobre a posibilidade de instalar un tubo de evacuación de augas por José Malvar. 

Os cálculos técnicos revelaron que, debido ás extensas canalizacións existentes (Fenosa, Telefónica, auga de Ence, etc.), o máximo diámetro de tubo que se pode pasar é de 1,2 metros. Tras realizar os cálculos hidráulicos, determinouse que o caudal máximo para un período de retorno de 100 anos (o que se estima nos peores escenarios) é de 15,68 metros cúbicos por segundo (15.680 litros por segundo). Porén, a tubería de 1,2 metros, para ser colocada por riba da marea e das conducións existentes, só podería sacar un máximo de 570 litros por segundo (0,57 m3/s). 

"Isto quere dicir que non hai posibilidade de pasar un tubo que sirva de solución definitiva”, afirmou Mosquera. O concelleiro aclarou que a obra, valorada en aproximadamente 1,246 millóns de euros, podería servir unicamente como obra complementaria no futuro, pero non como solución principal. Mosquera tamén aproveitou para aclarar que o Concello nunca presentou esta tubería como a alternativa única, senón como unha posibilidade a estudar, en contraste con declaracións doutras forzas políticas.

César Mosquera explicou que os cálculos achegan a posibilidade de canalizar un tubo de 1,2 metros di diámetro por José Malvar, mais esta acción non resolvería o problema, só axudaría como unha medida complementaria 

O Concello de Pontevedra segue traballando conxuntamente con Augas de Galiza, organismo especializado que está a realizar os seus propios estudos. Augas de Galiza está ollando arquetas arredor do CGTD e ten máis facilidade para acceder e inspeccionar as canalizacións internas nesa zona. 

  • As outras dúas posibilidades que se están a analizar son: 
  • A construción dun ‘encoro’ na urbanización de Valdecorvos (zona alta), onde hai espazo libre suficiente. Este estudo está a ser realizado por Augas de Galiza.

A análise da zona verde xunto ao Camiño Vello de Castela para estudar a posibilidade de facer un estanque ou rebaixe de terreo que sirva para reter auga superficial, especialmente cando a marea está alta. O concelleiro sinalou que se o problema principal é a auga superficial que cae nas rúas, esta opción si podería ser valiosa.

Mosquera concluíu que se está á espera dos resultados dos cálculos e do diagnóstico de Augas de Galiza, que se agarda ter "en pouco tempo, unhas semanas". O obxectivo é determinar a orixe exacta e as cantidades de auga que causan o problema (se son de rebote ou superficiais) para atopar unha solución que, se non é totalmente definitiva, sexa polo menos "máis ou menos efectiva". 

Novos avances na procura de solucións para as inundacións derivadas do río Valdecorvos