O Concello de Pontevedra pon a disposición da Xunta novos terreos urbanizables para a construción de 125 vivendas protexidas

2024-10-22 11.57.46-Xaquín Moreda
2024-10-22 11.57.46-Xaquín Moreda

O concello de Pontevedra está a tramitar o expediente para a cesión á Xunta de Galiza de tres parcelas de titularidade municipal, situadas na antiga Tafisa, Valdecorvos e A Parda, para a construción de 125 vivendas protexidas. 

O Concello de Pontevedra pon a disposición da Xunta novos terreos urbanizables para a construción de 125 vivendas protexidas

Pontevedra, 22 de outubro de 2024. O concello de Pontevedra está a tramitar o expediente para a cesión á Xunta de Galiza de tres parcelas de titularidade municipal para a construción de vivenda protexida. 

Tal e como sinalou Xaquín Moreda, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) amosou interese nos terreos de Valdeorvos, a antiga Tafisa e A Parda. En total, Pontevedra podería ver construída un total de 125 novas vivendas desta clase. 

A parcela de Tafisa conta cunha superficie en pendente de 1.164 metros cadrados cunha edificabilidade de 5.846 metros cadrados de vivenda residencial e 1.746 de superficie comercial. Estímase que se poderían construír un edificio de baixo e cinco pisos máis aproveitamento baixo cuberta. 

Doutra banda, en Valdecorvos o terreo conta con 3.220 metros cadrados de superficie cunha edificabilidade de 6.924 metros cadrados, no que poderían ser levantadas unhas 54 vivendas con edificabilidade de baixo e seis alturas. 

Por último, no solar da rúa das Devesas, na zona da Parda, cóntase cunha superficie de case 539 metros cadrados nos que se poderían construír entre 12 e 13 vivendas en bloques de baixo e tres alturas máis baixo cuberta. 

Polo indicado por Moreda, a Comisión de Urbanismo e Ordenación do Territorio acordou remitir á Xuntaa documentación que certifica as condicións dos terreos, a correspondente ao rexistro da propiedade e demais información técnica. “Todo isto supón o inicio da cesión destes terreos para que a Xunta constrúa as vivendas calculadas”, finalizou. 

O Concello de Pontevedra pon a disposición da Xunta novos terreos urbanizables para a construción de 125 vivendas protexidas