O Concello arranxa o parque infantil do Peirao de Arcade

O Concello arranxa o parque infantil do Peirao de Arcade

Soutomaior, 22 de outubro de 2024. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, anunciou este martes que o parque infantil do Peirao de Arcade, a falta de pequenos detalles, xa está totalmente arranxado, ao abeiro da primeira fase do proxecto impulsado polo Goberno local para a reparación das zonas de xogo municipais. Precisamente, hoxe achegouse até este parque, acompañado do concelleiro Pablo Garrido, para revisar o traballo feito neste e noutros parques nos que se está actuando.

Desde o comezo do mandato, o goberno de Soutomaior está a traballar na recuperación dos parques infantís do noso concello. O goberno local fixo unha exhaustiva auditoría destas zonas de xogo co obxectivo de coñecer de maneira exacta os danos que sofre cada parque e deseñar as actuacións máis axeitadas para cada parque.

Unha vez feita, o goberno de Soutomaior preparou o proxecto co que conseguiu unha subvención de 45.000 euros do Plan +Provincias. A restauración de cada parque infantil desta primeira fase (na que están incluídos os parques do Peirao, da Feira, da Devesa, da Veiguiña Longa, de Aranza, de Moreira e da Lamela) farase de maneira gradual, retirando e reparando os xogos aos poucos para que a rapazada poida seguir acudindo a estes parques.

Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo, sinalou que que “os dezaoito parques infantís cos que contamos no noso concello levan anos nun estado de deterioro inadmisible, polo que urxía ir actuando naquelas zonas que teñen maiores usuarios”.

“O parque do Peirao xa está listo e os traballos nos outros parques avanzan a bo ritmo, de cara a que, pouco a pouco, esteán a punto para que a nosa rapazada poida desfrutar e facer uso deles. Trátase de preservar a seguridade das nenas e nenos e de mellorar as instalacións para que poidan xogar e desfrutar”, engadiu o rexedor de Soutomaior.

Ademais, o goberno de Soutomaior fomentará, a través deste proxecto de recuperación dos parques infantís, a inclusividade nestes espazos recreativos, adaptándoos para que calquera neno ou nena, sexa cal sexa a súa diversidade funcional, poida desfrutar de maneira autónoma neles.

O Concello arranxa o parque infantil do Peirao de Arcade