NON VAN CONSEGUIR QUE O MEDO NOS VOLVA ENCERRAR NA CASA
O Concello de Pontevedra organiza un curso de defensa persoal feminino no marco da campaña do 8M
Pontevedra, 24 de marzo de 2026. A Concellería de Igualdade, da man do Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra, organiza un curso de Defensa Persoal Feminina no marco da campaña municipal do 8 de Marzo: Non van conseguir que o medo nos volva encerrar na casa.
A cita é o sábado 28 de marzo na sala Almofrei da Casa Azul (rúa Sor Lucía, 4). O curso de defensa sigue o Método Más de Juan José Martínez e desenvolverase ao longo de toda a xornada: durante a maña, de 10.00 a 14.00 horas e pola tarde de 16.00 a 20.00 a tarde.
É precisa a inscrición previa no correo electrónico igualdade@pontevedra.eu. Prazas limitadas
O curso conxuga teoría e práctica co fin de que a formación sexa dinámica. Na parte teórica traballaranse con conceptos psicolóxicos tanto da vítima como do agresor e co Código Penal. Ademais haberá unha parte de desenvolvemento do control das 5 claves que contempla o programa: a respiración, a observación, a valoración, a estratexia e a técnica.
Tamén se traballará a prevención para situacións de risco que leven a evitar todo tipo de confrontación física, pero se esta non é evitable as asistentes aprenderán un amplo abano de técnicas de defensas fronte a un ataque, unha suxeición ao peito ou ao cabelo ou un ataque cunha arma branca.
O curso ten como obxectivo dotar á muller de ferramentas suficientes para sentirse segura nunha situación de risco e nos distintos eidos da súa vida.
A actividade está organizada ao abeiro das accións que ofrece a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero ás entidades adheridas á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero.