Pontevedra pecha o teatro até logo do verán para retirar a escaiola por un defecto construtivo e traslada a actividade cultural ao Pazo

Rolda de Prensa Demetrio Gómez caída falso teito Teatro Principal
Rolda de Prensa Demetrio Gómez caída falso teito Teatro Principal
Pontevedra pecha o teatro até logo do verán para retirar a escaiola por un defecto construtivo e traslada a actividade cultural ao Pazo

Pontevedra, 24 de marzo de 2026. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, detallou hoxe o que parece que foron os motivos do desprendemento de parte do falso teito no Teatro Principal e o plan de traslado da programación para garantir o servizo á veciñanza. "Dende a noite do vernes a hoxe, a primeira cousa que fixemos foi analizar o que aconteceu no Teatro e o segundo, estamos reprogramando as actividades para poder seguir coa programación", explicou o edil na súa comparecencia. 

Demetrio Gómez quixo transmitir tranquilidade sobre as rigorosas inspeccións previas nas instalacións, aclarando que a última revisión en profundidade do teito fora no ano 2022. O incidente debeuse a un defecto construtivo de hai catro décadas. "O que podemos afirmar é que había un vicio oculto na construción do teatro que era imposíbel de descubrir nunha inspección ocular e en ningún tipo de inspección que se fixese. Só desmontando estas pezas de escaiola podía descubrirse", asegurou o concelleiro. 

Segundo os informes técnicos, as pezas suspendidas instaláronse sen seguir a técnica tradicional que require envolver os estremos con esparto e cravar puntas. "Estas pezas que caeron están construídas sen ese esparto e sen esas puntas", aclarou Gómez. A unión de dous materiais distintos con diferente resposta aos cambios térmicos e de humidade provocou o fallo desa estrutura nun período de corenta anos. "Aquí xuntáronse dous materiais distintos, a madeira e a escaiola que logo de 40 anos non están na mesma situación que cando se comezou, e provoca a folgura", indicou Demetrio Gómez. 

Para garantir a máxima seguridade do público e do persoal, o Concello procederá a desmontar absolutamente toda a escaiola. Estas pezas teñen unha función estética, pero, sobre todo, unha función acústica vital para a instalación. "O teatro sen estas pezas non funciona, non se escoita", apuntou o concelleiro. Por este motivo, ademais da desmontaxe, realizarase un estudo acústico para a súa futura reconstrución. A instalación permanecerá pechada unha longa tempada, polo menos durante todo o verán. 

Redistribución da programación 

Co obxectivo de manter a oferta cultural da cidade, "imos trasladar para o Pazo da Cultura boa parte da programación e estamos traballando tamén coa universidade que nos ofreceu as súas instalacións", indicou o concelleiro. As plataformas de venda xa están a contactar vía correo electrónico coas persoas compradoras para xestionar as solucións pertinentes. 

Dende hoxe até xuño, a programación modifícase do seguinte xeito: Eventos trasladados ao Pazo da Cultura: 

  • Ponteatro: "Os dous de sempre" (Xoves 26): Trasládase ao Pazo da Cultura. Atrasarase o inicio ás 21:15 horas para facilitar o desprazamento do público desde o centro ata o Pazo. Estase a efectuar a devolución automática das entradas; para as persoas aboadas xa se activou a nova venda cun código de desconto remitido por correo electrónico.
  • Jazz no Principal: Bobby Martínez e SPJ (Sábado 28): Trasládase ao Pazo da Cultura. Realizarase a devolución automática e habilitarase unha nova ligazón de venda.
  • Semana Galega de Filosofía: A actividade da Aula Castelao terá lugar no auditorio do Pazo da Cultura.
  • Monólogo de Carlos Blanco (11 de abril): Trasládase ao auditorio do Pazo. Seguirase o mesmo procedemento de reintegro de cartos e enviarase unha nova ligazón de venda de entradas.
  • Concerto de Primavera da Banda de Salcedo: Pasa do Teatro ao Auditorio do Pazo e trasládase do sábado 11 ao domingo 12 de abril, adiantando a hora de inicio ás 18:30 horas.
  • Enreguéifate (16 de abril): Trasládase ao Auditorio do Pazo da Cultura.
  • Concerto do CMUS "Sorpresas musicais" (16 de abril): Ofreceuse o seu traslado ao Auditorio do Pazo da Cultura, o que implicaría un atraso na hora de inicio ás 21:00 horas. Queda pendente de confirmación se é no Pazo ou no propio auditorio do conservatorio.
  • Concerto da Filarmónica (20 de abril): Confirmado o seu traslado ao Auditorio do Pazo.
  • Mostra de Teatro MITTEU: Propúxose o seu paso ao Auditorio do Pazo. Por necesidades de dispoñibilidade (ao coincidir o día 24 cun concerto de Yerai Cortés), proponse que as datas sexan o 21, 22 e 23 de abril e o 27, 28 e 29 de abril, ou ben as mesmas datas sen contar o martes 21.

Eventos suspendidos por falta de datas dispoñibles:

  • Cineclube e Filmoteca: suspendidos ao non existir espazo compatible, xa que a instalación cinematográfica atópase no propio Teatro Principal.
  • Gala i Ovidio, con Nando Agüeros: prevista para o 25 de abril.
  • Ciclo Karma (Karmento): previsto para o 15 de maio.
  • Benquerer, de Fran Sieira / Caamaño e Ameixeiras: Previsto para o 22 de maio.
  • Concerto de Carla Lourdes e Javier Lago (Ciclo Karma): Previsto para o 30 de maio.

Desde o Concello quérese agradecer a colaboración de todas as persoas e entidades implicadas ante as molestias derivadas desta situación imprevista, reafirmando o traballo constante en prol da seguridade e a cultura. 

Pontevedra pecha o teatro até logo do verán para retirar a escaiola por un defecto construtivo e traslada a actividade cultural ao Pazo