LORES LEMBRA A OBRIGA DAS ADMINISTRACIÓNS DE FOMENTAR E DEFENDER A LINGUA

O Concello de Pontevedra mantén a súa aposta por manter o galego vivo

O Concello de Pontevedra mantén a súa aposta por manter o galego vivo

Pontevedra, 10 de maio de 2024. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez; e a tenente de alcalde, Eva Vilaverde; recibiu este venres, nas dependencias do Concello de Pontevedra, a representantes da plataforma ‘Queremos Galego’. 

O colectivo cidadá está na actualidade composto por máis de 500 entidades sociais e culturais do país e vén de convocar a sociedade galega para manifestarse o vindeiro 17 de maio, ás 12:00h, dende a alameda de Santiago de Compostela baixo o lema «Galego vivo, Galiza viva». 

Este 2024 cumpriranse 20 anos da aprobación por unanimidade parlamentar do Plan Xeral de Normalización da lingua galega, elaborado no seu momento coa participación de máis de 1.000 persoas de todos os ámbitos do país, con 400 accións e medidas concretas en cada un deles. A realidade, sinalan desde a plataforma, é que este plan non só non se desenvolveu, senón que se foron producindo importantes retrocesos. 

O Concello de Pontevedra amosa o seu apoio ás reivindicacións realizadas dende ‘Queremos Galego’, lembrando que o galego e a lingua do país, amosando o seu compromiso de seguir normalizando o seu uso, promovéndoo e facendo que siga sendo un idioma vivo. 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinala que o uso do galego “é un dereito fundamental» para toda persoa que viva na Galiza, e tamén reclama que todas as administracións públicas deben traballar no seu coidado e nas súas responsabilidades para co idioma galego. 

O Concello de Pontevedra mantén a súa aposta por manter o galego vivo