O Concello de Pontevedra investirá máis de medio millón de euros no Mercado cun proxecto que renovará os lucernarios e mellorará o confort
Pontevedra, 6 de febreiro de 2026. A concelleira de Mercados, Anabel Gulías, presentou un ambicioso proxecto de reforma para o Mercado Municipal destinado a resolver as deficiencias de illamento térmico e lumínico do edificio. A actuación, que conta cun orzamento de 518.732,13 euros, centrarase na renovación dos lucernarios para evitar que a luz solar e a calor afecten directamente aos postos de produto fresco (peixe, froita e flores) da planta baixa.
Gulías explicou que, logo dun estudo demorado, optouse por unha intervención por fases. Nesta primeira etapa, substituirase a actual cuberta de vidro por vidros tecnolóxicos de control solar que filtran os raios infravermellos e instálase unha "segunda pel" interior. Esta nova estrutura, deseñada pola arquitecta Magdalena Portela, non só mellorará as condicións hixiénico-sanitarias e de confort, senón que integrará unha intervención artística retroiluminada con LED e permitirá unha limpeza máis doada e ventilación. A obra requirirá un reforzo previo da estrutura debido ao aumento de peso dos novos materiais.
"Queremos transformar o mercado nun equipamento non só gastronómico, senón tamén cultural, sen perder a súa esencia de praza", afirmou a concelleira. O Goberno local ten previsto iniciar a contratación de inmediato co obxectivo de rematar as obras este mesmo ano, cun prazo de execución estimado de dous meses, intentando compatibilizar os traballos coa actividade diaria do mercado para evitar o seu peche.
A edil pontevedresa lembrou a aposta decidida do Goberno local polo Mercado, sinalando que, sumando esta obra a actuacións anteriores (renovación de cámaras, canalizacións e os novos montacargas en proceso) e á próxima construción de aseos inclusivos no primeiro andar, o investimento total neste mandato superará o millón de euros.