O BNG leva ao parlamento o recorte de profesorado de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe no CEP Campolongo
Pontevedra, 6 de febreiro de 2026. O BNG vén de rexistrar unha batería de iniciativas no parlamento galego para demandar a recuperación do profesorado de pedagoxía terapéutica (PT) e audición e linguaxe (AL) con que contaba o CEP Campolongo de Pontevedra no pasado curso 2024-2025.
Logo de reunirse con representantes da ANPA e de nais e pais afectadas, o deputado nacionalista Luís Bará constatou que o centro viu reducida no presente curso a atención á diversidade (unha especialista menos de PT e media menos de AL, compartida co CEI Crespo Rivas).
Bará considera que “esta redución do profesorado causa un grave perxuicio a alumnado que ten necesidades educativas especiais, que viron reducida a atención que dispoñían o curso pasado coas consecuencias que isto ten para o seu desenvolvemento persoal e pedagóxico. Estamos a falar de nenas e nenos que precisan de atención especializada de pedagoxía terapéutica e de audición e linguaxe, e a Xunta en vez de ampliala redúcea”.
O deputado do BNG tamén critica que a administración leve dous meses sen responder os escritos enviados pola comunidade escolar. Segundo Bará “a consellaría pretende que o curso vaia avanzando e que a presión das nais e pais vaia amainando para non ter que atender as súas demandas”.
Por este motivo, o BNG pedirá explicacións no parlamento e demanda que a Xunta restitúa á maior brevidade posíbel o profesorado suprimido.