O PP VOTA EN CONTRA
O BNG pide na Deputación que a frota artesanal galega quede excluída do Regulamento Europeo de Control da Pesca e que sexa a Xunta quen exerza normas propias nas súas augas interiores
O BNG defendeu no Pleno da Deputación que debe ser a Xunta de Galicia, como administración con competencia exclusiva en materia das súas augas interiores, a que desenvolva e faga cumprir normas propias de control da pesca adaptadas á realidade da frota artesanal galega.
O grupo nacionalista fixo esta proposta por considerar que a frota do país queda desprotexida a co Regulamento Europeo de Control da Pesca, no que non se teñen en conta as súas singularidades. O Bloque subliñou, de feito, que o pacto proposto o pasado 19 de xaneiro polo Ministerio cuns pequenos axustes á proposta inicial é “totalmente insuficiente” porque non exclúe á frota artesanal do cumprimento desa normativa.
O BNG defendeu que a Xunta debe exercer as súas competencias exclusivas en materia de augas interiores, desenvolvendo normas propias de control adaptadas á realidade e singularidade da frota artesanal galega. A máis, o BNG solicitou ao Goberno do Estado a eliminación da retroactividade nas sancións asociadas ao Regulamento europeo, evitando que estas impidan o acceso ás axudas do FEMPA.
Por último, o Bloque propuxo incluír na vindeira revisión da Política Pesqueira Común da Unión Europea unha diferenciación clara entre pesca artesanal e pesca industrial, atendendo non só á eslora dos buques, senón tamén a criterios como a distancia aos caladoiros, a duración das mareas, o uso de artes sostíbeis ou o número máximo de tripulantes.
O ‘rodete’ do PP na Corporación provincial desoíu estas peticións, o que levou á deputada Beatriz Lomba a afear aos populares a súa falta de apoio ao sector e as súas singularidades. “Non entenden vostedes as características da pesca artesanal galega”, acusou, lembrando que o grupo popular votou a favor no Parlamento Europeo de medidas “inasumibles” para as e os mariñeiros galegos.