Pontevedra vístese de Entroido rendendo homenaxe a Castelao e contando con ‘Os das Pistas’ como pregoeiros

Pontevedra vístese de Entroido rendendo homenaxe a Castelao e contando con ‘Os das Pistas’ como pregoeiros

Pontevedra, 6 de febreiro de 2026. O Concello de Pontevedra presentou o programa e a imaxe do Entroido deste ano, unha celebración que o concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, non dubidou en cualificar como "o mellor entroido urbano de Galiza". O edil destacou a calidade excepcional do material gráfico deste ano, asegurando que a cidade conta cun dos "mellores cartaces de toda a historia”. 

O deseño do cartaz e do programa físico é froito da colaboración entre ERA Comunicación e o alumnado da escola O Garaxe Hermético, un proxecto "profesionalizante" que permite aos estudantes traballar nunha contorna real. Jose Iglesias, autor da ilustración do cartaz, explicou que a obra conmemora o 75 aniversario do pasamento de Castelao, figura moi vencellada a Pontevedra e que chegou a debuxar ao loro Ravachol. A imaxe reinterpreta unha foto clásica de Castelao pintando as máscaras de Os vellos non deben de namorarse para mostralo agora pintando a máscara de Ravachol e outros elementos do Entroido. 

Tanto o concelleiro como os estudantes fixeron fincapé na importancia de apostar polo "traballo creativo feito por humanos" fronte ás intelixencias artificiais xenerativas. Ademais do cartaz, o programa inclúe no seu interior unha revisión de viñetas de Castelao adaptadas, introducindo nelas a figura do famoso papagaio pontevedres mais mantendo o sentido do humor orixinal do autor. 

O pregón deste ano, que terá lugar o venres 13 ás 21:00 horas na praza da Ferraría, correrá a cargo da agrupación 'Os das Pistas'. Este grupo, que leva 30 anos participando ininterrompidamente no Entroido pontevedrés, naceu das montaxes realizadas na esplanada das autoescolas. Os seus membros prometeron un pregón "cañeiro" e divertido, que incluirá "crítica local", unha premisa solicitada expresamente polo propio concelleiro. 

A festa comezará o venres 13 coa recepción ao Rei Urco e o pregón, dando paso a unha intensa semana de actividades, entre as que destacan as seguintes: 

  • Sábado 14: Desfile a partir das 17:00 horas e entrega de premios ás 20:00. 
  • Luns 16: Presentación de Ravachol e inicio da 34a edición do XXXIV concurso de Murgas.
  • Martes 17 (Festa Pirata): Pasarrúas pola mañá, festa infantil pola tarde e o desembarco pirata pola noite, culminando cun concerto do artista ‘King África' ás 21:00 na Ferraría. 
  • Mércores 18 e xoves 19: Corrida da Rosca en Campañó e final do concurso de Murgas. 
  • Venres 20: XXIX Mostra da Parodia. 
  • Sábado 21: Sesión vermú coas murgas e o Enterro de Ravachol pola tarde-noite.

O Entroido pecharase coas xornadas organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega durante a fin de semana.

Programa completo

 

Pontevedra vístese de Entroido rendendo homenaxe a Castelao e contando con ‘Os das Pistas’ como pregoeiros