O Concello de Pontevedra instala en fase de proba un ximnasio modular ao aire libre na Xunqueira para fomentar o adestramento de forza

O Concello de Pontevedra instala en fase de proba un ximnasio modular ao aire libre na Xunqueira para fomentar o adestramento de forza

Pontevedra, 18 de marzo de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou esta mañá un novo elemento deportivo para o Concello baixo o nome de 'Cubofit', un ximnasio de forza ao aire libre que vén de ser instalado na contorna dos Campos de Fútbol Manolo Barreiro 2, na Xunqueira. 

Trátase dunha proba piloto de seis meses de duración cedida de forma gratuíta pola empresa instaladora (CUBOFIT) para avaliar o seu funcionamento. Segundo destacou o rexedor, a compañía escolleu Pontevedra para esta iniciativa pola súa consolidada traxectoria como "cidade do deporte”, e a súa relevancia dentro do Estado á hora de promover a saúde a actividade física entre toda a cidadanía. 

Durante a visita, Lores explicou que o obxectivo principal desta instalación é "estimular a actividade física, especialmente de forza". O alcalde subliñou que este tipo de exercicios son fundamentais para garantir "unha mellor saúde física, incluso en persoas maiores”, alén das tradicionais rutinas de carreira ou footing. A escolla desta primeira localización débese a que é o espazo onde se concentra a maior parte dos equipos deportivos do municipio, como é o primeiro equipo do Pontevedra CF, presente durante a visita. 

O 'Cubofit' é un espazo modular deseñado para o traballo físico ao aire libre. Aínda que o modelo instalado é o dun tamaño medio, o alcalde sinalou que existen outros formatos con capacidade para que adestren até 20 persoas de maneira simultánea. Para o seu correcto aproveitamento, requírese a dirección dun profesional, un ámbito no que o alcalde puxo en valor a abundancia de especialistas en educación física cos que conta Pontevedra, grazas á presenza da facultade e de expertos do INEF. 

Logo do período de proba de medio ano, o servizo municipal de Deportes avaliará o éxito da instalación e o seu nivel de uso por parte dos clubs e da cidadanía. "Se se demostra que é interesante e pode mellorar a actividade física da xente, comprariamos un, dous ou tres ou os que se consideren convintes para suplementar e servir de complemento en distintas instalacións deportivas", adiantou o rexedor. 

De confirmarse a súa utilidade, o Concello estuda trasladar este modelo a pavillóns e campos de herba sintética, tanto nos barrios da cidade como nas parroquias do rural. Entre as posibles localizacións futuras valorouse a posibilidade de instalalo en Gatomorto, onde adestra o fútbol base do Pontevedra, xa que permitiría suplir a falta de ximnasios nestes equipamentos que, na maioría dos casos, xa contan con campos, bancadas, vestiarios ou cafetaría. O alcalde tamén sinalou a existencia de unidades móbiles que se poden trasladar cun vehículo, o que permitiría aos profesionais desprazarse polas parroquias para achegar o exercicio físico a toda a veciñanza. 

Con este novo equipamento, o Concello procura seguir sumando esforzos xunto coas empresas do sector deportivo para axudar a acadar o obxectivo de chegar a dous millóns de persoas en Galicia que fagan actividade física de forma regular, un ámbito no que os estudos indican que Pontevedra xa presenta resultados excelentes. 

O Concello de Pontevedra instala en fase de proba un ximnasio modular ao aire libre na Xunqueira para fomentar o adestramento de forza