O Concello asume a concesión dos antigos terreos da imprenta provincial para integralos no ENIL da Xunqueira da Gándara

Terreos que ocupaba a imprenta provincial e o parque de maquinaria na Xunqueira
Terreos que ocupaba a imprenta provincial e o parque de maquinaria na Xunqueira
O Concello asume a concesión dos antigos terreos da imprenta provincial para integralos no ENIL da Xunqueira da Gándara

Pontevedra, 18 de marzo de 2026. A Xunta de Goberno aprobou hoxe a aceptación expresa da concesión administrativa para ocupar as antigas parcelas da imprenta e do parque de maquinaria da Deputación Provincial, situadas no ámbito da Xunqueira de Alba e restauradas ambientalmente nos últimos anos. A resolución, notificada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (tras recibir as competencias do Ministerio para a Transición Ecolóxica), permite ao municipio incorporar 17.688 metros cadrados de dominio público marítimo-terrestre para a creación e xestión dun parque público.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que esta resolución "regulariza os terreos da antiga imprenta" e que se asume "coa obriga de que sexa para o uso público". A concesión fíxase por un período inicial de quince anos, que poderán ser prorrogables por prazos de igual ou inferior duración ata acadar un máximo de trinta anos en total. Trátase dunha cesión de balde e exenta de canon.

Estes terreos pasan a formar parte do ámbito de protección e mantemento do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Xunqueira da Gándara, que se estende "desde a zona da xunqueira de arriba, perto da Cross, ata o río na parte de Pontevedra".

Fernández Lores sinalou que a titularidade concesional facilitará o traballo municipal na zona: "Agora xa podemos actuar con normalidade nela. Formaría parte do mantemento do ENIL da Xunqueira da Gándara".

O Concello asume a concesión dos antigos terreos da imprenta provincial para integralos no ENIL da Xunqueira da Gándara