O Concello de Pontevedra impulsa o clube de lectura ‘Ler (en) Pontevedra

Demetrio Gómez e Montse Fajardo na presentación do clube de lectura Ler (en) Pontevedra
Demetrio Gómez e Montse Fajardo na presentación do clube de lectura Ler (en) Pontevedra
O Concello de Pontevedra impulsa o clube de lectura ‘Ler (en) Pontevedra

Pontevedra, 9 de setembro de 2025. O edil de Cultura, Demetrio Gómez, presentou unha nova iniciativa do Concello de Pontevedra: o clube de lectura ‘Ler (en) Pontevedra’ acompañado dunha das primeiras autoras que participarán nos encontros programados, Montse Fajardo.

“O clube nace na nosa cidade porque caemos na conta de que Pontevedra está presente nunha infinidade de autoras e autores e nunha infinidade de libros. É importante que as lectoras e lectores afondemos nesa marabillosa bibliografía que temos sobre Pontevedra para reflexionar, debater, celebrar, pensar e gozarmos entre todas e todos esta marabillosa cidade”, afirmou o concelleiro de Cultura. 

A característica máis destacada do clube é que as autoras e autores, os libros, van ter algunha relación con Pontevedra: escritoras e escritores nacidos/as en Pontevedra, que traballaron na cidade nalgún momento da súa vida, libros que acontecen ou reflexionan sobre a cidade, etc.

A iniciativa contará con 3 citas nestes últimos meses do ano:

  • Mércores 15 de outubro, 19.00 horas Libraría Paz: encontro con Cynthia Menéndez a partir da obra: Son como glaciares os barcos de aceiro (Ed Galaxia)
  • Mércores 19 de novembro, 19.00 horas Libraría Nobel: encontro con Montse Fajardo a partir da biografía de Virxina Pereiro: A vida incerta (Ed Cumio)
  • Mércores 17 de decembro, 19.00 horas Fundación RACC: encontro con Víctor Freixanes a partir da obra: O triángulo inscrito na circunferencia (Ed Galaxia)

Montse Fajardo, protagonista do segundo encontro o 19 de novembro quixo agradecer ao Concello a oportunidade de formar parte das primeiras sesións deste club “xa que unha das partes que máis me gusta cando presento un libro é o encontro coa xente lectora. Gústame moito desta iniciativa que sexa un club que vai mudando mes a mes, que a xente decida a que encontro se anota e a cal non. Iso asegura que as persoas que asisten, leron o libro por que lle apetecía e non por imposición”.

Tamén agradeceu que se lle dea unha segunda vida a libros que xa teñen un tempo, como é o caso de ‘A vida incerta’. “Un libro de 2019 que foi froito dunha aposta do Concello de Pontevedra pola memoria histórica con perspectiva de xénero, sufragando a investigación e a primeira edición. É importante que se lle dea visibilidade a Virxinia Pereira no Ano Castelao, a biografía de Castelao sería incompleta sen falar de Virxinia, e o libro fala moito dela pero tamén de Daniel, da súa faceta máis familiar e íntima. Tamén ten moita importancia Pontevedra porque foi o lugar onde máis tempo viviu o matrimonio. Animar a xente a que comparta con nós a lecturas e o meu agradecemento por compartir o club con Cynthia e con Freixanes, dúas persoas ás que leo e admiro”.

O edil rematou a intervención convidando ás persoas interesadas a formalizar a súa inscrición de balde para os 3 primeiros encontros no web apuntate.pontevedra.gal e avanzando que o proxecto terá continuidade en 2026. Aínda con datas pendentes de fixar, está confirmada a participación de autoras e autores como Xesús Constenla, Manuel Lourenzo, Sara Vila, Fina Casalderrey, Tamara Andrés ou Iria Morgade.

O Concello de Pontevedra impulsa o clube de lectura ‘Ler (en) Pontevedra