26 E 27 DE SETEMBRO. PRAZA DO CONCELLO
A información e desinformación sobre saúde e benestar, fío condutor da sexta edición de Pontesan
Pontevedra, 9 de setembro de 2025. Pontesan, a Feira da Saúde e o Benestar de Pontevedra, recoñecida como o evento socio-sanitario máis importante de Galiza, celebrarase o venres 26 e o sábado 27 de setembro e conxugará, unha vez máis, a parte expositiva e informativa cun amplo programa de actividades lúdicas, conversacións e talleres formativos.
Medio centenar de asociacións socio-sanitarias, colexios profesionais e clubs deportivos farán posible un evento que lidera o Concello de Pontevedra e no que colabora a consellaría de Sanidade, a través do Sergas e o Regaps
O experto internacional en xenética e director da Fundación Galega de Medicina Xenómica, Anxo Carracedo, será o encargado de abrir o programa de relatorios de Pontesan, que inclúe unha ducia de exposicións. Farao inmediatamente despois da inauguración, o día 26, ás 11.00 horas - á que asistirá- cunha conferencia sobre “Xenética dos trastornos psiquiátricos”.
“Pontesan é un espazo que queremos seguir consolidando con dous obxectivos: seguir demandando máis investimento para a sanidade pública e a investigación e para seren un espazo de encontro de referencia das asociacións socio-sanitarias que fan un gran traballo de acompañamento, axuda, sensibilización e tamén reivindicativo” suliñou a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, durante a presentación da VI Feira dá Saúde e Benestar de Pontevedra.
Anabel Gulías: "Os piares da Feira de Saúde e Benestar de Pontevedra son a reivindicación da sanidade pública e ser un espazo de encontro das asociacións socio-sanitarias
“O máis prezado que temos na nosa sociedade é a capacidade de ter un sistema de saúde equitativo e igualitario que nos trate a todas sen depender da nosa situación financeira e fronte ás agresións que está sufrindo é necesario reivindicala”, engadiu Anabel Gulías, quen insistiu que proxectos como Pontesan serven de altofalante para esta reivindicación.
A defensa da sanidade pública é unha reivindicación compartida por CEDDD-Galiza e as asociacións socio-sanitarias integradas nel. “Malia haber moita xente sen diagnosticas, sen ela moitas e moitos de nós teriámolo moi difícil na vida” indicou María Jesús Monterde, presidenta da de CEDDD-Galiza. As asociacións, lembrou, “fan un traballo de acompañamento e visibilización fundamental” e, neste ámbito, Pontesan é un escaparate sen igual.
Información e desinformación
Pontesan poñerá o foco, nesta ocasión, na Información e desinformación, unha temática que centrará a súa mesa de debate, na que catro xornalistas tratarán de dar resposta a cuestións como: Que información é de fiar e cal debe facernos sospeitar? Como valorar as noticias sobre saúde, ciencia ou investigación que aparecen nos medios e as redes sociais? Como buscar respostas, consellos ou axuda en temas de saúde, calidade de vida ou benestar?
A conversa, que se celebrará o sábado 27 (11.00 horas), estará conducida por Juan de Sola (Onda Cero) e nela participarán Tamara Montero (La Voz de Galicia), Laura Filloy (gciencia.com) e Ana de Luis (Prensa Social).
Falando de información Pontesan non pode, nin quere, dar as costas ás redes sociais, por iso suma á nómina de relatores tres influencers: @tonifero, @nuskachousa e @medicilio, que estarán na cidade do Lérez como oradores e ademais entraran en directo para dar a coñecer Pontesan aos seus miles e miles de seguidores. (@tonífero roza os 2 millóns sumando todas as súas redes; @nuskachousa, os 180.000 e @medicilio, supera os 350.000).
“Hoxe temos moita información circulando e tamén moitas trolas e nesta marco as redes sociais, para ben e para mal, xogan un papel fundamental” destacou a presidenta de CEDDD-Galiza, quen confía nos influencers convidados para poñer a Pontesan no mapa dixital
O lema de Pontesan, “Información e desinformación”, é unha chamada de atención e un convite á reflexión, que non desvía os principios que guían a Feira de Saúde e Benestar desde a súa orixe: visibilizar as distintas discapacidades/diversidades e os retos que teñen por diante; dar a coñecer ao público xeral as numerosas asociacións socio-sanitarias que existen, o seu traballo e prestacións; sensibilizar sobre a importancia do auto-coidado e dos coidados; promover hábitos saudables. Mais tamén é un punto de encontro para reivindicar a equidade social e unha inclusión real e defender a sanidade pública.
Como en anos anteriores, haberá unha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue nas inmediacións de Pontesan. Atenderán aos/as potenciais doantes no seguinte horario: venres 26, de 9.30 a 14.30 horas e de 15.30 a 21.00 e sábado 27, de 10.00 a 15.00 horas.
Non hai mellor escenario que Pontevedra, a cidade que coida das persoas, para acoller un evento como Pontesan, subliñou a concelleira de Benestar Social, quen lembra que a capital do Lérez é parte da Rede estatal de cidades saudables (RECs) desde o ano 2004. Un selo de calidade outorgado pola FEMP (Federación española de municipios e provincias), que conta co aval do Ministerio de Sanidade e cumpre as esixencias do programa Healthy Cities da OMS