Concello de Pontevedra e deputación asinan unha addenda de 720.000 euros para a mellora da iluminación no centro urbano
Pontevedra, 17 de marzo de 2026. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, procederon esta maña a asinar na Casa Consistorial de Pontevedra unha nova addenda económica co obxectivo de reaxustar o financiamento do convenio de colaboración entre a Deputación provincial e o Concello de Pontevedra á hora de renovar a iluminación pública no centro urbano (na zona norte da cidade).
Esta actuación, que aposta pola eficiencia enerxética e a sustentabilidade, enmárcase nos convenios anuais de 2,5 millóns de euros que a Deputación pon a disposición do Concello.
O rexedor agradeceu a achega da institución provincial e o aforro enerxético que suporá a nova iluminación LED, se ben quixo aproveitar a ocasión para reivindicou un maior peso económico para a capital. Lores sinalou que, dado o actual orzamento da Deputación, o Concello de Pontevedra debería recibir unha achega superior e proporcional á súa poboación, en comparación co primado aos concellos de menos de 50.000 habitantes.
O rexedor municipal aproveitou a xuntanza previa á sinatura para poñer sobre a mesa futuras colaboracións e negociacións coa institución provincial. Dunha banda, avanzou que se está a barallar unha nova addenda ao convenio para o barrio de Mollavao, cun investimento que roldaría os 1,5 millóns de euros para licitar o bypass entre a estrada e a autovía de Marín e mellorar a calidade urbana da zona.
Ademais, Lores propuxo formalmente que a área de Turismo da Deputación asuma a xestión do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA), argumentando problemas de accesibilidade no Palacete das Mendoza e presenza de gas radon nas instalacións do CITA, o que impide ter persoal traballando de forma continuada durante quendas de 8 horas. Tamén solicitou a implicación da Deputación en obras de seguridade viaria en Santa María de Xeve e nos accesos a Castrosenín e á base da Garda Civil.
A xuntanza concluíu co compromiso da Deputación de escoitar e estudar todas as propostas do Concello. O presidente Luís López reiterou que a súa administración non se pecha "a ningún proxecto que poida ser de interese para a cidade", amosando a súa disposición a analizar polo miúdo as demandas formuladas polo goberno local.