Boa disposición das distintas administracións para autorizar de xeito provisional o proxecto do Concello no Santo

César Mosquera e María Xosé Abilleira -rolda de prensa O Santo
César Mosquera e María Xosé Abilleira -rolda de prensa O Santo
Boa disposición das distintas administracións para autorizar de xeito provisional o proxecto do Concello no Santo

Pontevedra, 17 de marzo de 2026. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, valorou satisfactoriamente a reunión mantida esta mañá na Subdelegación do Goberno á que foi acompañado da concelleira de Rural, María José Abilleira e do xefe de Servizo municipal de enxeñería, e na que tamén estiveron representados Adif e as entidades autonómicas Augas de Galiza e a Axencia Galega de Infraestruturas. O edil destacou a boa disposición das distintas administracións para desbloquear os problemas de asolagamentos na zona do Santo, nos Praceres. 

O problema do Santo é froito dunha complexa cadea de atrancos que se remonta anos atrás, tal e como explicou o concelleiro. A orixe está nas obras dos pasos soterrados na praza de Praceres para salvar as vías do tren, un conflito derivado dunha sentenza do Tribunal Supremo de 2007. Este fallo xudicial, que obriga a suprimir os pasos a nivel, converteuse no "problema gordo, gordo de verdade", explicou Mosquera. 

A sentenza e a obriga de actuar sobre a rede ferroviaria provocaron un efecto dominó que paraliza a contorna. Por unha banda, a Xunta de Galiza ten parada a súa obra na estrada vella de Marín á espera dunha solución técnica definitiva por parte de ADIF, que adxudicou as obras da creación dos pasos soterrados en 2023 e agora ten que facer un modificado do proxecto imposto por Augas de Galiza. Con todo, Mosquera advertiu que a actuación de Adif "non se vai facer porque vai ter unha oposición frontal desde logo do Concello e tamén veciñal", xa que sería "un desastre" e "unha obra que vai deixar a zona moitísimo peor do que está". 

Todo este bloqueo tamén mantén freada a solución municipal para evitar os asolagamentos no Santo ao non poder ter unha autorización definitiva de ADIF para executar a obra, pero a partir da recente xuntanza, a vontade de todas as administracións implicadas (Adif, Augas de Galiza, Axencia Galega de Infraestruturas e Concello) parece virar cara ao entendemento e desbloquear a situación. 

A folla de ruta do Goberno local pasa por obter un permiso temporal que permita acometer xa as melloras de drenaxe. E a parte positiva é que as administracións competentes amosaron a súa disposición a dar luz verde a esta saída. 

Os entes autonómicos ven con bos ollos o proxecto do Concello porque "mellora substancialmente" a situación actual do Santo co obxectivo de que "o inverno que vén poidamos ter resolto" o problema dos asolagamentos, explicou o concelleiro. 

Boa disposición das distintas administracións para autorizar de xeito provisional o proxecto do Concello no Santo