El Combo Dominicano e Panorama, estrelas de cartel do ‘Kalidas Primavera Festival 2026’ de Caldas
Caldas, 17 de marzo de 2026. Caldas de Reis prepárase para dar a benvida á primavera cunha nova edición do seu festival de orquestras, que este ano cambia de nome e formato para converterse no ‘Kalidas Primavera Festival 2026’ e darlle unha nova dimensión. O tenente de alcalde, Manuel Fariña, anunciou que este evento será máis grande e espectacular, destacando a El Combo Dominicano e Panorama como as verdadeiras estrelas do cartel.
Como xa estaba anunciado, o ‘Kalidas Primavera Festival’ levarase a cabo do 2 ao 4 de abril, coincidindo cos días centrais da Semana Santa. Fariña destaca que o cambio de nome e formato, deixando atrás a denominación de ‘Festa da Primavera’ decidiuse para ofrecer unha experiencia renovada, elevando o perfil do festival conforme as tendencias actuais. Ademais, optouse por tres días de orquestras en combinación con DJ en lugar de realizar unha soa xornada monográfica para estes.
Este ano o cartel brilla con luz propia, con dúas das agrupacións de máis tirón do país. O xoves 2 de abril a festa comezará coa mestura de ritmos de El Combo Dominicano, que traerá á súa dianteira de renome, incluíndo a Kenneth, o finalista do Benidorm Fest, e pechará con Groove Amigos, DMiron e Carlos López.
O venres será a quenda de Panorama, unha das orquestras máis recoñecidas no circuíto, que promete facer vibrar a todas as persoas asistentes, cun escenario de 63 metros, un equipo de son impresionante e grandes pantallas que obrigarán ao Concello a reforzar o subministro eléctrico para cubrir as necesidades de enerxía. O ‘Kalidas’ rematará o sábado coa actuación de Orquestra Saudade, que completará tres días de música e diversión.
O tenente de alcalde Manuel Fariña subliña que co importante elenco e os cambios, o ‘Kalidas Primavera Festival 2026’ perfílase como unha cita imprescindible para quen busca gozar da mellor música e un ambiente festivo en Caldas de Reis, consolidándose como un dos eventos máis agardados da primavera galega.
“Queremos que a xente veña a Caldas a gozar da nosa festa e, ao mesmo tempo, contribúa á economía local a través de aloxamentos, gastronomía e actividades. Desta vez puxémolo fácil ao facer coincidir o ‘Kalidas’ coa Semana Santa: quen queira pode vir pasar uns días con nós”, declarou Fariña, reafirmando o compromiso do festival coa revitalización económica do municipio.
A música comezará as tres xornadas ás dez da noite no aparcamento da Tafona, con entrada totalmente de balde. A organización está a traballar nun dispositivo de tráfico especial e dispón dun Plan de Autoprotección para garantir a seguridade de todas as persoas asistentes, coordinando esforzos coa Policía Local e Protección Civil.