12 DE AGOSTO
Concello de Pontevedra e asociación Sirio presentan as recomendacións de saúde e seguridade para a observación da histórica eclipse solar
Pontevedra, 22 de xullo de 2026. O edil Demetrio Gómez, acompañado por representantes da asociación astronómica Sirio e polo director xeral de seguridade do Concello, Daniel Macenlle, presentou as directrices básicas para garantir que a cidadanía poida gozar da próxima eclipse solar con total seguridade. O evento astronómico, que terá lugar o vindeiro 12 de agosto cara ás 20:30 horas, acadará unha magnitude de case o 99,5% en Pontevedra, o que xerou unha enorme expectación e esgotou os programas das festas de verán que incluían lentes de observación.
Desde o Concello e a asociación Sirio lémbrase que mirar ao sol de xeito indebido pode causar queimaduras irreversibles na retina. Para evitalo, David Filgueira incidiu en que as lentes homologadas non están pensadas para unha exposición prolongada: "Non se debería reservar máis de 20 segundos como moito de forma continua". Pódense facer pequenas observacións de 20 segundos cada 10 ou 15 minutos.
Como alternativa máis segura, especialmente recomendada para as nenas e nenos, o Concello puxo a disposición da cidadanía na súa páxina web un descargable en formato A3 para construír un visor ou caixa de eclipse por proxección indirecta.
Planificación do lugar e prevención de aglomeracións
A eclipse producirase con sol moi baixo, a uns 11 graos de altura, polo que obstáculos como árbores ou edificios poden dificultar a visión nos momentos de máximo ocultamento. Por iso, recomendase ás veciñas e veciños que planifiquen con antelación o seu lugar de observación empregando ferramentas ou mapas de sombras (como a web Shademap).
Desde as institucións non se recomenda concentrarse en ningún punto concreto para evitar un "efecto chamamento". Pola contra, anímase a gozar da eclipse desde fiestras, balcóns, terrazas ou parques próximos, xa que o fenómeno será visible desde practicamente toda a cidade.
Doutra banda, O director xeral de Seguridade, Daniel Macenlle, lembrou que o 12 de agosto coincide coa Batalla de Flores e as Festas da Peregrina, polo que a cidade e a súa contorna rexistrarán unha gran afluencia de xente e vehículos. Para evitar situacións de risco, desaconséllase o desprazamento ás seguintes zonas:
- Zonas boscosas e parques forestais: Debido ao elevado risco de incendio forestal durante a época estival. A masificación destas zonas pode bloquear as pistas e impedir unha posible evacuación ou a entrada dos servizos de emerxencias.
- Contorna de Montecelo: Requírese deixar libre esta área para non dificultar o acceso aos servizos de urxencias do hospital.
- A ponte da autoestrada: Queda totalmente prohibido deterse ou aparcar nas pontes e vías de alta capacidade para ver o fenómeno.
A xornada da eclipse pecharase cunha ampla programación cultural, que inclúe o concerto da Orquestra Sinfónica de Pontevedra ás 21:00 horas e o concerto de Sidecars ás 22:30 horas, convertendo este 12 de agosto nun día histórico e de gran afluencia para as Rías Baixas.