O BNG demanda unha axenda de investimentos que saque a Viascón do esquecemento de anos de abandono por parte do PP
Cerdedo Cotobade, 22 de xullo de 2026. O BNG reclámalle ao goberno municipal no pleno municipal de xullo que mire para Viascón, abandone a súa actitude esquiva coa veciñanza e active urxentemente unha axenda de investimentos na parroquia que a faga saír do esquecemento e a leve ao século XXI, equiparándoa con outras parroquias do concello.
O portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira, lembra que “Viascón leva xa moitos anos sen que se faga ningunha obra de modernización”, polo que é preciso “incrementar substancialmente os investimentos nunha parroquia na que, entre outros aspectos, “tanto as vías principais e secundarias coma os espazos de encontro e esparcemento veciñal sofren un deterioro gallopante”.
Filgueira lembra que no presente mandato o BNG leva presentado diversas iniciativas para urxir ao goberno municipal do señor Cubela a executar melloras en diversos ámbitos na parroquia de Viascón, desde a substitución das luminarias actuais por Led, a extensión da fibra óptica ao todos os lugares, a creación de illas de recollida selectiva dos residuos, o reparto de composteiros individuais, a mellora e conclusión da rede de saneamento, a dinamización cultural da parroquia ou a eliminación da simboloxía fascista do espazo público.
Na moción presentada para o seu debate en Pleno, o BNG propón:
- Instar á Deputación Provincial a mellorar a mobilidade, a accesibilidade e a seguranza viaria na estrada EP-0404 (Viascón-Carballedo), executando un proxecto de que inclúa a dotación de beirarrúas, mobiliario urbano, iluminación led, canalización de pluviais, pasos de peóns e calmado de tráfico.
- Humanizar os treitos da antiga nacional (Comercial Gardiz e o Valiño como referencias).
- Mellorar, de forma integral as vías interiores dos lugares de Viascón, unhas vías moi deterioradas, con malos accesos, que non garanten a seguridade nin do tráfico rodado nin peonil.
- Instar ao goberno local a crear dous núcleos de centralidade veciñal. A parroquia precisa de espazos con identidade propia para desenvolver a vida social, cultural e
- esparcemento: Praza de Cabanelas e Praza Ricardo Portela na contorna da Casa do Monte de Viascón: Empedrado e humanización da praza de Cabanelas e as vías de acceso coas respectivas melloras no saneamento, pluviais, iluminación led, mobiliario; eliminación do escudo franquista, limpeza e rehabilitación da augas da Fonte de Cabanelas. Acondicionamento da contorna da Casa do Monte: Humanizar todo o espazo a carón do edificio parroquial, empedralo e humanizalo así como ordear e calmar o tráfico.
- Priorizar ás máis que anunciadas reformas integrais da contorna das piscinas de Cabanelas.
- Renovar a precaria rede de saneamento, rematar a rede nos barrios da parroquia que ainda non contan co servizo e construción dunha EDAR.