O Concello de Pontevedra aproba a Oferta de Emprego Público 2026 con 32 prazas e pioneiros criterios de desempate por igualdade

Eva Vilaverde
Eva Vilaverde
O Concello de Pontevedra aproba a Oferta de Emprego Público 2026 con 32 prazas e pioneiros criterios de desempate por igualdade

Pontevedra, 12 de xuño de 2026. A edil de Persoal, Eva Vilaverde, deu conta da aprobación da nova Oferta de Emprego Público (OEP) do Concello de Pontevedra para o ano 2026. Tralo o seu paso pola mesa de negociación, o Goberno local aprobou a cobertura dun total de 32 prazas para reforzar o cadro de persoal e os servizos municipais.

Segundo detallou a concelleira, a convocatoria divídese principalmente en dúas quendas:

Quenda libre (18 prazas): Sairán a concurso aberto prazas de diversos perfís, entre as que destacan 7 prazas de policía local (que se delegarán na Academia Galega de Seguridade da Xunta), perfís técnicos (unha praza de arquitecto, unha de traballador social, unha de enxeñaría técnica de obras públicas, unha técnica media de arquivos), así como postos administrativos e de oficios (oficial de extinción de incendios, subalterno e oficial carpinteiro). Destaca nesta quenda a reserva de dúas prazas para diversidade funcional: unha de auxiliar para persoas con discapacidade xeral e unha de operario reservada especificamente para persoas con discapacidade intelectual, que contará cunha convocatoria e temario propios.

Promoción interna (10 prazas): Ofertaranse oportunidades de crecemento para o persoal municipal, incluíndo perfís técnicos (enxeñaría informática, xestión), administrativos e varias prazas para os corpos de seguridade, como un sarxento de bombeiros e mandos da policía local.

Adicionalmente, as vacantes complétanse con procedementos específicos de mobilidade, como é o caso dunha praza de inspector principal da Policía Local, que por normativa debe cubrirse mediante este sistema.

Eva Vilaverde salientou que as bases xerais desta convocatoria inclúen unha importante novidade en materia de igualdade, integrada nos procesos do Concello: establecerase un criterio preferente a favor das mulleres en caso de empate nos procesos selectivos, sempre e cando se trate de categorías onde exista unha infrarrepresentación do xénero feminino. A maiores, todos os programas da oposición incluirán a partir de agora un temario específico sobre igualdade.

Radiografía do cadro de persoal

A responsable de Persoal aproveitou a comparecencia para actualizar os datos do plantel municipal. A día de hoxe, o cadro de persoal vixente do Concello de Pontevedra conta con 532 persoas traballadoras, das cales 476 están en activo (sen contar os que están en procesos de cobertura actualmente).

As futuras convocatorias iranse publicando ao longo do ano de xeito progresivo, priorizando segundo as necesidades detectadas nos diferentes servizos e respectando os tempos que requiren a conformación de tribunais e exames.

O Concello de Pontevedra aproba a Oferta de Emprego Público 2026 con 32 prazas e pioneiros criterios de desempate por igualdade